Segundo recoñecemento consecutivo para Isaac Díaz Pardo no que deben ser un dos momentos máis delicados da súa traxectoria, tras a súa saída involuntaria do consello de administración de Sargadelos. Desta vez é unha das súas iniciativas máis importantes, o Laboratorio de Formas de Galiza a que leva o Premio Otero Pedrayo 2006, que entregan as catro deputacións galegas a quen "dignifica a cultura galega", e que este ano comparte coa Real Academia Galega, en pleno centenario.
Así o anunciou hoxe o presidente da Deputación da Coruña e vicepresidente do Xurado, Salvador Fernández Moreda, quen sinalou que a data de entrega está aínda por decidir, dentro do mes de setembor. O lugar da cerimonia será o Pazo de Mariñán, en Abegondo (A Coruña), e contará coa presenza do propio Díaz Pardo, segundo anunciou Fernández Moreda.
O xurado cualificou o Laboratorio de Formas como "unha iniciativa exemplar no proceso rehabilitador da memoria, de recuperación da cultura, da creatividade e de produción cultural, artística e literaria". Esta entidade sen ánimo de lucro naceu en 1963 como expresión da vontade dun grupo de exiliados que se propuxo o estudio das formas desenvolvidas no pasado de Galicia e as que continúan vixentes. Definiuse como "un instituto teórico de deseño á procura da orixe das formas".
No tocante á Real Academia Galega, creada o 30 de setembro de 1906, Moreda destacou a "dignificación" que a institución fai da lingua galega, así como da sua historia e da sua cultura. Ademais, resaltou "especialmente" a creación do Día das Letras Galegas desde o ano 1963, que significou "un elemento dinamizador e de rescate cultural sen precedentes".