O Padroado do Pedrón de Ouro outorgoulle a presidencia honorífica da institución a Isaac Díaz Pardo debido á celebración do 30 aniversario da concesión deste premio ao que foi até hai pouco o máximo responsábel de Sargadelos. Ademais de se cumpriren os 30 anos de lle ter concedido o premio, a decisión estivo fondamente motivada "polas circunstancias persoais e empresariais que Díaz Pardo está vivindo" provocadas por ter sido apartado da directiva desta entidade.
Segundo os membros do padroado da institución reunidos o pasado sábado, este "é o momento idóneo para saldar a débeda de gratitude polo apoio que sempre nos prestou coa súa presenza solidaria" en todas as edicións da entrega dos Pedrón de Ouro e de Honra, ademais de pola realización cada ano das medallas conmemorativas e pola publicación en Ediciós do Castro das obras gañadoras do premio de narracións curtas Modesto Rodríguez Figueiredo que xestiona tamén o Pedrón.
Os organizadores queren relacionar o acordo de nomear a Díaz Pardo presidente de honra co Ano da Memoria porque "Isaac Díaz Pardo é e foi sempre un militante da memoria". Neste sentido, cabe dicir que é aínda hoxe descoñecida a importancia de toda a cultura que xermolou o Laboratorio de Formas que o homenaxeado fundara en 1963 funda con Luís Seoane e que dedicou recuperación histórica de Galicia xunto coa creación de Ediciós do Castro, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, o Instituto Galego da Información e a recuperación do Seminario de Estudos Galegos.
Díaz Pardo recibiu o Pedrón de Ouro no 1976 nun acto celebrado na Casa de Rosalía en Padrón, no que interviu de mantedor Rafael Dieste. Ao mesmo tempo, o Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro considera que Galiza no seu conxunto ten unha débeda con Díaz Pardo e decidiu materializala, "para que a historia non nolo demande". Esta acción ten como orixe en boa parte a destitución da presidencia de Sargadelos de quen foi o seu fundador.