O grupo inmobiliario galego presidido por Manuel Jove, Fadesa, substitúe desde este luns á cadea NH Hoteles na lista do Ibex 35, logo da última revisión semestral do comité asesor técnico da bolsa. Fadesa chega así ao índice selectivo dous anos despois de entrar no mercado bolseiro e cun traxecto de espectacular revalorización das súas accións. O anuncio chegaba nun mes de xuño onde a empresa presentou tres importantes proxectos: o inicio da construción dun gran complexo residencial en Polonia, punto de entrada nun mercado inmobiliario de "gran potencial" segundo a estratexia do grupo; o anuncio do gasto de 300 millóns de euros nun complexo residencial e turístico en Marrocos, reforzando a Fadesa como un dos investidores líderes nese país; e a inauguración dun conxunto de edificios á beira de Disneyland París, nunha zona de especial crecemento inmobiliario.