Co semestre actual remata a presidencia austríaca e Finlandia terá o encargo desde o 1 de xullo de organizar a axenda política da UE até fin de ano. O relanzamento do proxecto de Constitución Europea será o gran desafío dos próximos meses, coincidindo co propio referendo finlandés sobre o texto constitucional, coas sondaxes prognosticando o "si" dos cidadáns, e a necesidade de definir cambios e posicións a explicitárense no cumio especial do vindeiro mes de marzo. Outro tema clave será a evolución das conversas con Turquía sobre a súa posíbel entrada na UE a longo prazo, que dependerán moi especialmente da postura que ese país asuma respecto a Chipre. As relacións da UE con Rusia e os plans sobre inmigración dos 25 serán tamén asuntos destacados. No medio prazo, medra a expectación pola quenda de Alemaña, que desde o 1 de xaneiro de 2007 asumirá a presidencia coa chanceleresa Angela Merkel á fronte. Poden ampliar información na web oficial da presidencia finlandesa, onde prometen incluír mesmo un blog mantido polo seu ministro de Exteriores.