"O PP non pode aceptar leccións de autonomismo", dixo Alberte Núñez Feijoo, iniciando con reproches o seu discurso e afirmando que "son outros e non nós os que chegan tarde ao proceso". Feijoo subliñou a posición de forza da que parte o seu partido pedindo que "non se minusvaloren os 750 mil galegos e a súa idea de Galiza". Ao fío acusou a Touriño de actuar como simple "espectador" e non facer nada "por unir puntos de vista". Na súa segunda intervención, Feijoo pediulles aos outros grupos que "non sigan comprando o Estatuto catalán" e comentou que "a galeguismo non nos van gañar, se cadra a catalanismo si".
"Tiraría vostede cun bo edificio para edificar de novo a partir dun predio baleiro?", preguntou Alberte Núñez Feijoo ao comezo da súa quenda na tribuna parlamentaria, insistindo en que "imos reformar un Estatuto, e non facer un novo". Feijoo amosouse preocupado polos límites constitucionais onde se movan as propostas de reforma e pediu que durante o proceso se bote man do Consello Consultivo para aclarar calquera punto de conflicto ao respecto, criticando que os estatutos catalán e andaluz enfronten recursos de inconstitucionalidade de comunidades veciñas.
O líder dos populares galegos asegurou que o seu partido nunca se negara a abrir este proceso, e que a posibilidade da reforma do Estatuto formara parte dos congresos que o seu partido tivo en 2004 e 2006 e laiouse do que segundo el é "un paradoxal cambio da invocación ao consenso á crítica á presunta falta de compromiso" atribuída aos populares por socialistas e nacionalistas. Deseguido, o voceiro do PPdeG pasou a explicar a proposta concreta do seu partido, estruturada en 65 puntos, e que resumiu en tres principais. En primeiro lugar referiuse á defensa do máximo nivel competencial, falando dunha "dobre cláusula" que pasaría pola transferencia do abano de competencias pendentes e o establecemento dunha cláusula, ao modelo "Camps", que garanta a introdución posterior de calquera outra que se lle transfira por outras vías a calquera outra comunidade.
A continuación referiuse ao establecemento de mecanismos de cooperación entre as diferentes administracións, tanto co goberno español, como con comunidades limítrofes, e especialmente cara ás administracións locais. Ademais, os populares amósanse a prol do reforzo de municipios, áreas metropolitanas e comarcas, mantendo as deputacións provinciais. Feijoo propuxo tamén que se cree un fondo de cooperación para os concellos máis desfavorecidos. Logo de comentar brevemente a posibilidade de consensos para a creación de comisións de investigación e a reforma da lei electoral, parou especialmente no aspecto do financiamento. "O sistema de financiamento das comunidades máis ricas non nos vale", asegurou, afirmando que o PP "non pode aceptar tampouco un modelo baseado nunha porcentaxe sobre o investimento territorial, porque ninguén garante que ese investimento se execute realmente". Feijoo pediu tamén un fondo específico para a emigración, outro para a dispersión e solicitou que se fixem cláusulas de solidariedade que garantan que "os fondos non sexan inferiores aos que xa temos", insinuando que o actual goberno galego cedeu na recente negociación da sanidade. "Se non quere falar de Plan Galiza quítelle ese nome, pero falemos dos 12 mil millóns que Galiza necesita deica 2013", dixo o voceiro popular.