Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS VOCES E OS RECORDOS DOS QUE LOITARON POLA DEMOCRACIA

Recuperando memorias: homenaxe aos republicanos galegos

Lembran desde os colectivos en defensa da memoria histórica o afecto e a consideración que noutros países teñen con aqueles que no seu momento loitaron pola República e a democracia e aos que se considera referente na formación de valores cidadáns. Paradoxalmente, no Estado español non foi até este ano cando o Congreso aprobou á fin unha iniciativa en "homenaxe e recoñecemento de todos os homes e mulleres que foron vítimas da Guerra Civil e posteriormente da ditadura franquista" e con todo, o PP, partido que representa a un amplo sector social, votou este xoves en contra da declaración deste 2006 como "Ano da Memoria Histórica". Galiza ten cita este sábado 24 cunha homenaxe aos republicanos galegos, primeira dunha serie de actividades que teñen lugar durante toda a semana que vén.

- 10:18 23/06/2006
Tags:

Homes e mulleres de Galiza que viviron os anos da Segunda República, a Guerra Civil ou que padeceron a represión franquista, asisten este sábado 24 do Auditorio de Santiago de Compostela ao acto de homenaxe organizado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, a Fundación 10 de Marzo, a Sala Nasa e a Burla Negra.

Cando pasaron 75 anos da proclamación da II República e 70 do comezo da Guerra Civil, estes colectivos contribúen a que Compostela sexa durante a próxima semana "capital galega da memoria". O acto central será este sábado, con esa homenaxe, á que se unen escritores como Manuel Rivas e Rosa Aneiros ou actores como Luís Tosar, o grupo Chévere e Quico Cadaval. Aló estarán tamén Marful, Narf ou a Quenlla, entre outros, para poñerlle música ao evento.

Para a semana a Galería Sargadelos acolle o martes 27 a proxección do documental "Muerte en el Valle", coa presencia da directora, Christina M.Hardt; o mércores a presentación do libro "Mala gente que camina", de Benjamín Prado; e o xoves a do Programa Interuniversitario de Investigación "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", coordinado polo profesor da USC Lourenzo Fernández Prieto. Á beira, durante toda a semana haberá proxeccións no Teatro Principal, co ciclo bautizado "Imaxes contra o esquecemento", que inclúe producións como "La memoria es vaga", de Katie Halper; "A cidade da selva", de Pilar Faxil e Helena Villares ou "La guerrilla de la memoria", de Javier Corcuera. O venres 30 e o sábado 1 de xullo, na Sala Nasa celébranse as "Ultranoites da Memoria".


Ligazóns

0/5 (0 votos)