Hai que decidir a clase de sociedade que desexamos, "se unha en permanente conflito e desconfianza cara ao que chega" ou unha sociedade "plural, onde todos caben e onde todos podemos convivir sen perder sinais de identidade", afirmou o secretario xeral de Emigración do goberno galego, Manuel Luís Rodríguez, durante a apertura deste primeiro Foro Intercultural de Migracións. A Xunta presentará en 2007 un Plan de Inmigración e poñerá en marcha o Consello Galego de Inmigración. Unha recente sondaxe da Universidade de Santiago recolle que os galegos, aínda que tamén vencellan en grao significativo delincuencia e inmigración están a prol da integración e a favor da chegada de máis inmigrantes "con contrato de traballo".
Trátase dun foro que pretende axudarlles especialmente a persoas e colectivos que traballan en Galiza con inmigrantes e tamén con galegos retornados, contribuíndo ao intercambio de experiencias e á vez á formación específica na materia. Educadores sociais, axentes de desenvolvemento local, representantes de colectivos culturais ou ONGs cóntanse entre os seus asistentes. Nos seus dous días de duración, haberá unha aproximación ao fenómeno da interculturalidade desde perspectivas diversas: educativa, sociolóxica, xurídica ou audiovisual.
Organizado pola propia secretaría xeral de Emigración, o titular deste departamento referiuse durante o acto inaugural ao número de inmigrantes que hoxe están en Galiza, cifra que como lembrou non é globalmente menor ca o número de persoas de orixe galega que saíron de Galiza "non xa no último século, senón na metade de última década", reparando ao fío na estatística da emigración galega entre 1995 e 2005, con milleiros de mozos saíndo do país cara a Canarias, Madrid ou Barcelona na procura de traballo. "Nesta comunidade marchan máis dos que chegan", subliñou.
Con todo, a necesidade de definir políticas que atendan á crecente chegada de persoas doutros países a Galiza na busca de traballo, estimula a elaboración dun plan de inmigración que a Xunta agarda presentar o ano que vén. Á beira estará o Consello Galego de Inmigración, que terá funcións na loita "contra a inmigración clandestina e contra calquera abrollo ou pronunciamento de racismo e xenofobia".
A inmigración tende a derivar en "arma electoral" abrindo conflitos "por canto en ocasións criminaliza aos protagonistas dos fluxos migratorios, que ao cabo, son seres humanos en situacións de grave precariedade", comentou Manuel Luís Rodríguez, laiándose das actitudes ed "alarmistas" e "fanáticos".
Os galegos están a prol da chegada de inmigrantes "con contrato"
Así o recollía o último barómetro sociopolítico da Universidade de Santiago, reparando en que o 80.7% dos cidadáns das catro provincias galegas aos que se lle preguntou din que as administracións deberan "facilitar a entrada só daqueles inmigrantes que teñan un contrato de traballo". O 53.6% dos cidadáns opinan que hai "bastantes" inmigrantes en Galiza, pero "non demasiados", segundo o estudo sobre inmigración que inclúe o Barómetro 2005 da Facultade de Políticas da USC. O profesor Ramón Maiz, un dos autores do informe, destaca que os galegos teñen unha visión "de integración e non asimilacionista" e amosan a "boa disposición a que os extranxeiros veñan coas súas familias e se queden en Galiza, sendo favorábeis ademais a que manteñan a súa cultura".
O 49.5% prefiren que os inmigrantes veñan a Galiza con súas familias e se asenten aquí para sempre, por un 16.2% que escollen que "veñan por un tempo sen parentes e logo volvan aos seus países". Un 84.12%, está a prol de que alén de aprender a nosa lingua e costumes os inmigrantes manteñan tamén as súas. Ademais, o 76.8% opina que a inmigración está cubrindo traballos que os galegos non queren e só un 32.8% se amosa a favor do tópico de que lle quitan postos aos nados aquí. Doutra banda, a enquisa tamén lle preguntou aos cidadáns se consideraban que o aumento de inmigrantes favorece o aumento de delincuencia: un 58.1% dixeron estar de acordo con esa posibilidade, por un 36.3% que rexeitaron a asociación de inmigración e delincuencia.
Tres de cada catro inmigrantes están sen regularizar
Coincidindo co último proceso regulatorio aberto polo goberno do Estado, diversos sindicatos coincidían en advertir que Galiza foi unha das comunidades onde se produciu unha taxa menor de regularización de inmigrantes, sendo a segunda autonomía que menos solicitudes tramitou respecto da cifra de inmigrantes empadroados. Ao tempo avisaban que apenas un 25% dos inmigrantes residentes na nosa comunidade entraron nese proceso, quedando fora as tres cuartas partes.
No último ano do que se dispoñen cifras oficiais do Instituto Nacional de Estatística, 2004, chegaran do extranxeiro a Galiza para estableceren aquí a súa residencia un total de 12.497 persoas, 6.046 homes e 6.451 mulleres, sendo Pontevedra a provincia que máis recibiu, 4.953, case o dobre que Lugo e Ourense xuntas. Se a esa cifra lle sumamos os chegados do extranxeiro con pasaporte español, 6.672, e considerados xa que logo no grupo de retornados, o total brinca aos 19.366. O total no treito 1994-2004 suma máis de 110 mil veciños novos en Galiza, aínda que apenas a metade eran persoas nadas no extranxeiro, sendo o resto retornados que naceran no contorno do Estado.
Nese mesmo ano, o continente americano foi a orixe da maioría de emigrantes rexistrados, un total de 7.026. A maioría chegou nese período desde Brasil, 1.373, seguida de Uruguai, 1.131, e Arxentina, 1.049. Atrás están os chegados de diferentes países europeos, 2.569, a maioría desde algún dos estados membros, 1.479. Portugueses e romaneses incrementaron principalmente ese reconto de novos veciños, 886 e 533 respectivamente. Do milleiro de africanos que fixou residencia aquí, destacan os chegados de Marrocos e Senegal, e China é o país de procedencia de case todos os asiáticos que veñen vivir a Galiza. Por outro lado, o exotismo inmigratorio tamén trouxo ese ano a vivir en terras galegas, por exemplo, a tres paquistanís, dous finlandeses ou media ducia de armenios.
Do impacto aínda moderado da inmigración en Galiza dan conta os números da escola. Así, e mentres noutras partes do Estado os fillos de inmigrantes van enchendo as aulas e compensando a baixa natalidade, Galiza perdía entre 1995 e 2005 a cuarta parte do seu alumnado non universitario e á beira o incremento debido á escolarización de inmigrantes só subía a cifra aquí en apenas un 1.9%.