Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROMOVERÁ A SÚA PROPIA

Asturias rexeita unirse a Galiza en favor da candidatura polo patrimonio inmaterial

Cando en 2005 ducias de colectivos galegos e portugueses turraban pola candidatura do patrimonio inmaterial, a Academia de la Llingua Asturiana cualificou de "unha gravidade política sen precedentes" que un representante do goberno asturiano estivese nun acto de presentación da iniciativa á beira da asociación local San Tirso do Eo, que tamén a apoiaba. Non foi a única voz que desde a veciña comunidade falou contra o proxecto. Agora, o Principado anuncia que defenderá a súa propia candidatura do patrimonio oral diante da Unesco.

- 09:42 22/06/2006
Tags:

Desde a Academia de la Llingua Asturiana fixeran belixerantes declaracións en 2005 logo da celebración dun Encontro de Portadores do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, organizado por Ponte nas Ondas e unha asociación cultural de San Tirso de Abres, acto onde estivera presente o director do Instituto de Desenvolvemento Rural de Asturias, Eduardo Lastra. Desde a institución vían nese xesto, un recoñecemento oficial da candidatura galego-portuguesa que, na opinión da súa presidenta "parte do feito de que o occidente de Asturias é culturalmente Galiza", cualifincado ademais de "intento de asimilación" da zona por parte das forzas políticas galegas.

Pouco despois, pronunciábase sobre o asunto o director da Axencia Asturiana de Cooperación e Desenvolvemento, Rafael Palacios, quen definía de "imperialista" a candidatura galega, subliñando que o goberno asturiano non a apoiaría de ningún xeito. A continuación, o propio director xeral de Cultura, Carlos Madera, declaraba para os medios asturianos que no caso de que a Unesco concedese a declaración de Obra Mestra da Humanidade á candidatura lusogalaica, o seu goberno tomaría a iniciativa diante da institución internacional para esixir a modificación da súa redacción, na procura da eliminación de calquera referencia a Asturias.

Ao fío, desde a propia Academia lle enviaban unha carta ao director xeral da Unesco, cos matices e críticas á candidatura e diversos partidos, como Andecha Astur, Bloque por Asturies, Izquierda Asturiana e o PP, pronunciábanse no mesmo sentido, e posteriormente farían declaracións públicas louvando que a Unesco rexeitase darlle a mención á candidatura.

Meses despois, e segundo informa La Nueva España, o goberno do Principado péchalle a porta a unha posíbel candidatura apoiada conxuntamente por galegos e asturianos e anuncia a intención do executivo de defender unha candidatura propia diante da Unesco.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: