Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTES DAS VINDEIRAS AUTONÓMICAS

Touriño modificará o réxime electoral co fin de asegurar a transparencia do voto emigrante

O Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, vén de anunciar a súa intención de modificar o réxime electoral galego co fin de garantir a transparencia do voto emigrante nos próximos comicios do 2009. Así, Touriño salientou o seu compromiso de acelerar a posíbel tramitación da norma que garanta o voto dos emigrantes en urna e destacou que a Xunta traballa para "garantir e cumprir" a efectividade do dereito dos mariñeiros a exercer o seu dereito a voto. Segundo o presidente, estas medidas regularanse "con rango de lei" no estatuto dos cidadáns españois no exterior.

- 15:28 21/06/2006
Tags:

O Parlamento galego modificará o réxime electoral para as próximas eleccións autonómicas coa fin de asegurar a transparencia do voto exterior. A intención de Pérez Touriño é a de garantir o voto dos emigrantes en urna xa que na súa opinión é "como se vota en democracia de maneira regular".

Deste xeito, o Presidente da Xunta anunciou que o seu goberno traballa de forma conxunta coa Administración central "para acelerar ao máximo posíbel" a tramitación da norma que permita garantir o voto dos emigrantes en urna e mellorar de xeito substancial a situación existente. Touriño anunciou que estas medidas estarán recollidas no estatuto dos cidadáns españois no exterior, actualmente en fase de tramitación no Congreso dos Deputados.

Medidas
En referencia ao voto emigrante, a Xunta vén crear un grupo de traballo que estuda o xeito de pór en marcha os mecanismos necesarios para garantir o voto en urna, a través do estudo das concentración de poboación emigrante nas demarcacións consulares que conten con residentes galegos no exterior.

Pola súa parte a secretaría xeral de Emigración vai difundir un manual sobre o voto dos galegos e galegas residentes no exterior no que se explican as modalidades de voto en cada unha das distintas convocatorias electorais.

No mes de xullo tamén comezará a funcionar un grupo de traballo que analizará a problemática do exercicio do voto dos mariñeiros embarcados nos buques de altura a longa distancia.

Máis información sobre o voto emigrante en Vieiros:

  • Casal Lodeiro analiza a lexitimidade da participación dos emigrantes no artigo ‘Por unha circunscrición exterior’
  • Carlos Neira analiza os diferentes graos de liberdade á hora de emitir o voto en ‘Voto emigrante ou voto errante?’
  • Lourenzo Fernández Prieto reflexiona en ‘Eleccións mar por medio’ sobre o papel da emigración na Galiza de hoxe.
  • Por que non hai garantías de "limpeza" na emisión do voto emigrante?. Algunhas preguntas e respostas en Vieiros.
  • Debate no foro de Vieiros: por que os emigrantes teñen que seguir votando?

  • 0/5 (0 votos)