Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
PÍDELLE Á JUNTA DE CASTELA E LEÓN QUE FREE ESAS PRÁCTICAS

Denuncian que lles prohiban falar galego a escolares de Lubián

En 2002 un neno e unha nena da escola de Lubián, concello galego-falante que pertence á provincia de Zamora, recibiron no colexio o castigo de escribiren 200 veces "No hablaré gallego en clase". É un dos exemplos que poñen as propias familias do lugar á hora de denunciaren que aos cativos lles prohíban falar galego na escola. A Mesa pola Normalización Lingüística agasalloulle estes días aos rapaces unha caixa de DVDs e álbumes de banda deseñada ao tempo que lle enviou petición á Junta de Castela e León para que finalice a "intolerábel prohibición do galego".

- 07:01 20/06/2006
Tags:

Exemplo da situación é o acontecido o pasado 6 de xuño no propio Parlamento de Castela e León, cando Felipe Lubián, deputado do PSOE, lle perguntou ao goberno por esta situación e o propio conselleiro de Educación respondeulle no pleno defendendo a prohibición do uso do galego nas aulas de Lubián e argumentando que "na escola fálase castelán e o galego fálase fóra ou nos recreos".

Desde A Mesa láianse de que o propio centro escolar xustifique as cancelas ao galego como "medida pedagóxica", en palabras do director, e cualifican de "aberrante" que un docente vexa pedagoxía na "minusvaloración e prohibición dunha lingua propia", o que como subliñan desde o colectivo, "ademais de antipedagóxico, supón unha vulneración de dereitos fundamentais".

O presidente da Mesa, Carlos Callón, dirixiuse por carta ao presidente da Junta de Castela e León, Juan Vicente Herrera Campo, e ao conselleiro de Educación, Francisco Javier Álvarez Guisasola, para reclamarlles que "finalice esta intolerábel prohibición do galego" e se cumpra o artigo 4.2 do Estatuto desa comunidade que di: "Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: