Quen levaba un ano como coordenador da Aula Castelao de Filosofía, Fernando Pérez López, finou a pasada noite na localidade na que naceu, en Sarria. O que foi fundador desta institución para o pensamento afincada en Pontevedra, deixounos ao pouco de ter recollido o Premio Pedrón de Ouro por dirixir unha entidade "sempre dende unha posición intelectual crítica, moderna, rigorosa, universal e netamente galega". Estas foron as palabras da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, cando entregou o galardón ao sarriao.
O até onte máximo representante da Aula Castelao era membro das redes escarlata e estaba moi comprometido coa solidaridade para Cuba. Debido a este vínculo, Pérez formaba parte da asociación Amistade Galego Cubana Francisco Villamil. Ademais, o finado recolleu tamén o premio que a cidade de Pontevedra lle outorgou no 2005 á aula na modalidade de Persoa Xurídica por acordo unánime da corporación municipal.
Logo de recoller o Pedrón de Ouro, Fernando Pérez defendeu "unha filosofía rigorosa, comprometida e universal", preceptos que, segundo el, fundamentaron a Semana Galega de Filosofía desde a súa creación fai 23 anos. A organización destas xornadas de pensmento crítico e actual centraron a actividade desta entidade que ven de celebrar o seu 25 aniversario.
Mañá en Sarria, ás cinco e media do serán celebrarase un funeral e acto cívico de recoñecemento a Fernando Pérez López.