Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓN CONTRA O PLAN XERAL

Máis de tres milleiros de veciños piden en Nigrán a retirada do PXOM

"O máis importante, o que de verdade cambiou, é que agora saben que ninguén, nunca máis, poderá gobernar este Concello coma se fora a súa finca privada", dicía o texto do manifesto lido durante o acto convocado polos veciños de Nigrán. Entre tres e catro milleiros de persoas marcharon polas rúas atrás dunha pancarta onde se lía "Veciños, este plan arruína o futuro de Nigrán".

- 07:00 19/06/2006
Tags:

Ao fío das 21h do pasado sábado, os veciños saían cara á Casa do Concello de Nigrán, onde ao longo de media hora de camiño se escoitaron consignas como: "Na tribuna do Celta planeouse esta desfeita"; "Alfredo xa é convicto de algún outro delicto" ou "Avelino rouballeiras, deixa en paz as nosas leiras", con berros unánimes a prol da demisión do alcalde da vila, Alfredo Rodríguez, e do seu socio de goberno deica a semana pasada, Avelino Fernández. Segundo os organizadores, este último, á fronte do seu partido, a formación Independentes por Nigrán, quixo sumarse á primeira liña da manifestación, sendo que os veciños lle negaron esa participación ao consideralo corresponsábel do acontecido as últimas semanas. "Véselle unha vontade chaqueteira de gañar a confianza dos veciños", advirtían desde a organización da marcha.

"Hoxe, quince días despois daquela revolta que espallou o nome de Nigrán arredor do mundo, moitas cousas cambiaron. Saíu á luz moita inmundicia e os lobos xa empezaron a pelexar entre eles a dentadas", escoitouse no manifesto da asociación de veciños lido á fin da marcha, onde as asociacións veciñais lle agradeceron aos asistentes o seu apoio ás iniciativas realizadas: "O noso ánimo é seguir pelexando, e a vosa presencia aquí hoxe aínda nos anima máis".

"Así que estamos como hai quince días. Xa entón reclamabamos que o Nigrán no que queremos vivir sexa o que figure sobre os planos. Un concello con vida propia, con servicios públicos, un Nigrán equilibrado en tódalas parroquias", dicía o texto, "Un Nigrán pensado para vivir os veciños e veciñas e non un Agregado Urbano Litoral e residencial. Queremos ser un Concello, non unha sucursal. Pero sobre todo, o que non queremos, é ver convertido este lugar marabilloso que nos veu nacer, nunha froita podre da especulación urbanística e da corrupción política".

"Por eso, ante a avalancha de presuntos delictos, de tratos de favor, de informacións privilexiadas e de inxustificadas recualificacións de fincas, esiximos a inmediata acción da xusticia, e declaramos publicamente, con toda a forza da nosa voz, que xa non nos queda unha pinga de confianza, de credibilidade, para eses que, nun mal día, moitos de nós votamos", sentenza o manifesto.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: