Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS PARTIDOS AFINAN DISCURSOS PENSANDO NAS ELECCIÓNS

Cara ao referendo estatutario: En clave electoral

O presidente da Generalitat, emprega as últimas horas de campaña antes do referendo para defender o "punto de inflexión" que na súa opinión implicará a aprobación do texto. Mentres, desde o seu partido, PSC, insisten en destacar a "intolerancia do PP" como estímulo para pedirlle aos cidadáns o voto polo "si". Ao tempo, CiU aproveita a inercia da campaña para vender a súa alternativa de goberno e pola súa banda, o presidente do PP catalán, Josep Piqué, recoñeceu que agarda poder administrar os resultados a xeito de munición cara ao "novo escenario" das próximas eleccións autonómicas de 2007. Por outro lado, máis pragmáticos se amosan ICV, teimando en levar a primeiro plano o destaque de aspectos específicos do novo texto, e desde CiU, ERC, que desafían ao resto de partidos a aparcar outras estratexias e facer que até o peche da campaña o Estatut sexa o único tema dos discursos políticos.

- 12:24 16/06/2006
Tags:

"Malia que non o crean, aínda non o pensei", así lle retrucaba Pasquall Maragall á interese do xornalista que o entrevistaba para La Vanguardia sobre a incógnita de será candidato do PSC nas próximas eleccións catalás, comentando que "todo ten o seu momento". Ao fío comentou Maragall que a mellor fórmula de goberno para Cataluña "é o PSC con maioría absoluta, porque os socialistas representamos mellor a catalanidade real".

Así e todo, Maragall envioulles máis dunha chiscadela aos que foron socios do tripartito, ERC, insistindo no balanzo positivo do treito de goberno acumulado ata o momento en que rachou o pacto. Ao fío das tarefas pendentes, e toda vez que os socialistas prometeron non afrontar proxectos "sensíbeis" antes da próxima cita anticipada coas urnas, o president láiase de non ter afrontado a reforma electoral. Por certo, Maragall insiste en que á volta desas eleccións debera gobernar a lista máis votada.

Por outro lado, o presidente catalán advertiu durante esta campaña que "o non tén consecuencias e por ese motivo non se pode pedir o voto en contra e ter a conciencia tranquila". Na súa opinión, a votación do próximo 18 de xuño implicará "un paso irreversíbel cara a Cataluña aberta e moderna". Maragall destacou as conquistas de "máis poder de decisión" que a reforma estatutaria garante. "Aceptar este Estatut supón que asumiremos novas responsabilidades en ámbitos como a saúde, a educación ou a vivenda", subliñou. Indicou ademais que "este Estatut fará historia e será copiado" e louvou que o texto "recoñeza a Cataluña como nación", destacando que "Cataluña é unha nación que pon as persoas por diante"

CiU: aproveitando para recuperar posicións
Coas eleccións anticipadas buscando sitio na axenda, o líder de CiU, Artur Mas, aproveitou unha recente intervención pública para criticar o que cualificou de "vodevil" do PSC arredor do posíbel cambio de candidato para esa cita, mudando a Maragall polo ministro Montilla, e pediulles aos socialistas concentrárense "nas mensaxes a prol do si estatutario". Fronte ás ameazas do desinterés, Mas advertiu que Cataluña non pode deixar escapar "esta oportunidade" porque na súa opinión "non haberá unha nova cos discípulos de Aznar". "Isto non é un un Estatuto de catro políticos ou de catro empresarios, este é o Estatuto do pobo de Cataluña, subliñou Mas, que durante esta campaña aproveitou para esbozar as claves do programa co que a súa formación acudirá ás próximas eleccións autonómicas.

"Se no texto se recoñecen os símbolos nacionais é porque somos unha nación", comentou Artur Mas, pedíndolle aos que dubiden do seu voto no referendo "por unha cuestión de sentimento catalanista" que aposten polo si "con toda tranquilidade". Na mesma liña, destacou o recoñecemento identitario que para Cataluña supón a equiparación da lingua catalá co castelán: "recoñecendo o catalán recoñécese a personalidade da nosa sociedade". O líder de CiU prognosticou que o voto polo "non" será mínimo e que desa campaña xa se apropiou o PP e pediu "goles até último minuto no que os colexios electorais estean abertos".

ERC: "falemos só do Estatut"
"Que deixen de atacar aos votantes da Esquerra e que expliquen, se poden, o valor real deste Estatuto". Tal foi o desafío que este xoves lles lanzaba o secretario xeral de ERC, Joan Puigcercós, ao resto de partidos cataláns. Na súa opinión, no canto de buscar o enfrontamento, os partidos que apoian o "si" deberan "explicar que vai sacar realmente Cataluña, cantos recursos máis recibirá e que representará a nivel de infraestruturas".

É nesa liña que Puigcercós se laia de que durante esta campaña "todo o mundo se está negando a dar cifras, comezando polo propio goberno central". Para o voceiro de ERC, os argumentos a prol do non poden verse máis claros facendo dúas preguntas: "cantos euros máis recibirá Cataluña?" e "cantos investimentos máis recibirá Cataluña?". Puigcercós explicou que o texto acordado polo Parlament o pasado mes de setembro implicaba que a Generalitat dobrase o seu orzamento en dez anos e garantía 700 millóns de euros de investimento nese período. Na súa opinión, esas posibilidades desaparecen co novo texto sobre o que os cataláns votarán este domingo.

Mentres, na súa última intervención, o presidente de ERC, Josep Lluís Carod-Rovira, comentou que se o "si" consegue un apoio masivo nas urnas, "para o presidente do goberno e do Estado", na súa opinión, "agora só quedará o Asterix de Euscadi, porque terán liquidado o Obelix de Cataluña".

PP: campaña en clave estatal
O presidente do PP catalán, Josep Piqué, é apenas o único no seu partido que ensaia discursos en clave catalá ou quen a xeito tímido entra no fondo do texto da reforma estatutaria proposta a referendo este domingo.

Con todo, Piqué prefire tamén xeneralizar máis no seu discurso, e ao fío deste proceso estatutario e en entrevista para TeleCinco, amosábase escéptico sobre a importancia ou non dos resultados que obteña o "non" que os populares apoian. Na súa opinión, balanzo da cita será positivo en todo caso polo "exercicio de liberdade que permitirá para que os cidadáns se pronuncien contra o sistema dos que mandaron en Cataluña durante os últimos vintecinco anos". Ao tempo, agoirou "un atraso sobre o consenso das normas básicas de convivencia" se o balanzo do referendo non amosa cando menos unha participación similar á que tivo o de 1979. Ao tempo, reafirmou a vontade do PP de recorrer o Estatut diante do Tribunal Constitucional.

Desde a dirección do PP en Madrid pola contra, seguen evitando entrar no detalle da reforma estatutaria e teiman nos discursos xenéricos. Mesmo á hora de xulgar os apupos e empurróns a Piqué estes días, protagonizados por mozos do ámbito independentista, no canto de dirixir as súas queixas aos partidos independentistas prefiren usar o suceso para bater no PSC e por extensión no PSOE. De paso, Mariano Rajoy sorprendeu cun novo argumento do PP contra o Estatut: o apoio de Santiago Carrillo, o vello líder dos comunistas, ao texto, de quen Rajoy afirmou que "non se enterou aínda de que o muro de Berlín xa caeu", asegurando que non pode haber avance en dereitos e deberes dun documento apoiado por el.


0/5 (0 votos)