"O PP utilizará o teu non contra Cataluña". O eslogan do PSC para promover o voto ao "si" no referendo deste domingo utiliza esa mestura de medo e complicidade co votante nacionalista, socio no tripartito até hai ben pouco, sabendo que a maior parte do posíbel non será a favor de Cataluña. Porque o certo é que, ademais do PP e de ERC, son numerosos e importantes os colectivos sociais e profesionais, e os personaxes coñecidos que non aceptan o estatuto presentado ao referendo, reivindican o que se aprobou no parlamento catalán, e reclaman sobre todo que a reforma contemple o dereito á autodeterminación.
A Plataforma pel dret a decidir convoca para este venres da fin de campaña un acto no que se colocarán 30 mil caraveis vermellos para facer a bandeira catalana, baixo o lema Construïm la Senyera, construïm la nació. É a mesma plataforma que en febreiro convocara a manifestación do pasado 18 de febreiro, e na que participaron colectivos galegos como Espazo Galego, ERGAC, Foro Cívico Galego e Galiza Nova de Cataluña. Canda eles, varios centos de entidades e milleiros de individuos sumáronse a esta plataforma, que quere "intervir na conxuntura política aberta coa reforma do Estatuto e demostrar ao tempo a nosa preocupación polo clima hostil creado dende varios círculos antidemocráticos en contra das lexítimas aspiracións políticas e democráticas do noso país. Todo recordando a loita da Asemblea de Cataluña en favor do restablecemento do Estatuto de Autonomía comomedio para exercer o dereito á autodeterminación, e lembrando tamén que hai vintecinco anos a nación catalana saíu á rúa diante da ofensiva contra a expresión da súa identidade, agora vemos necesario volvernos manifestar baixo o lema Somos unha nación e temos o dereito de decidir!.
O acto dos caraveis está apoiado polo outro gran colectivo contra a reforma a referendo que é a Campanya Diguem No, e que artellan os argumentos do seu non en torno a 4 eixos: "autodeterminación, somos unha nación, Països Catalans e dereitos sociais". Hai poucos días dous membros deste colectivo gabeaban polos pináculos da Sagrada Familia para despregar unha enorme faixa co "Diguem NO", e a súa lista de apoios pouco lle ten que envexar á da Plataforma pel dret a decidir.
Xunto a elas hai plataformas sectoriais, como Economistas pel No, Sindicalistes pel No, Antifranquistes pel No..., e numerosos personaxes da vida pública do país, como o actor Joel Joan, o cantante de Els Pets Lluís Gavaldá, a escritora valenciana Isabel Clara Simó ou o filósofo Josep Maria Terricabras.