O próximo 23 de xuño celebrarase en Ourense a xornada "Mais competencias + Policía". Organizada polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, a xornada tentará analizar as competencias futuras da Policía Autonómica Galega e estudará a prioridade de que Galiza conte cun Instituto Armado de natureza civil e a viabilidade da incorporación de funcionarios dos Corpos de Policía Local e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado á futura policía autonómica.
‘Máis competencias + Policía" contará con relatorios, mesas redondas e paneis nos que participarán representantes políticos, xudiciais, sindicais, e xornalistas para debater sobre o lugar que debe ocupar a policía galega no eido das Forzas de Seguridade. A xornada está organizada polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), patrocinada pola Vicepresidencia da Xunta de Galiza, e conta coa colaboración do Centro Cultural da Deputación de Ourense.
Os obxectivos da xornada son contribuír á implantación e consolidación dun modelo policial na Galiza que incremente a eficacia dos servizos de seguridade que reciben os cidadáns galegos. Coa implantación da futura Policía Autonómica, procurarase que Galiza sexa mais segura diante das mafias que está a agromar no Estado español e na Europa toda. Dende os planos xurídico e político a xornada pretende estudar a prioridade de que Galiza conte cun Instituto Armado de natureza civil, para o efecto de monopolizar o uso da coacción administrativa, e estudar a viabilidade da incorporación de funcionarios dos Corpos de Policía Local e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado á futura Policía Autonómica de Galiza.
A xornada vai dirixida a alcaldes e membros das corporacións municipais, membros dos Corpos e Forzas de Seguridade; Protección Civil, Bombeiros, Cruz Vermella, funcionarios das administracións públicas; funcionarios da Administración de Xustiza, avogados, docentes e alumnos das universidades; membros do IGEA e doutros institutos de estudos, docencia ou investigación, e público en xeral.