Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O DÍA 21 NO MUSEO PEDAGÓXICO DE GALIZA

O ‘Ano da memoria’ homenaxea os docentes mortos ou represaliados durante a Guerra Civil

Neste 2006, ‘Ano da memoria’, distintas organizacións e entidades galegas renderán homenaxe o próximo día 21 aos homes e mulleres, docentes, mestres e mestas, que foron mortos ou represaliados durante a Guerra Civil e na posterior ditadura. O acto terá lugar o vindeiro mércores, día 21 de Xuño, no Museo Pedagóxico de Galiza e, posteriormente será desenvolvido nas principais cidades e vilas galegas. Intervirán, ademais de representantes das institucións organizadoras, homes e mulleres daquela xeración de educadores. Tamén se presentará a película documental ‘A escola fusilada’ de Daniel Alvarez e Iñaki Pinedo.

- 09:03 16/06/2006
Tags:

Dentro dos actos conmemorativos do ‘Ano da memoria’, o Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz), organiza, xunto con outras moitas entidades e sindicatos, unha homenaxe aos docentes mortos ou represaliados durante a Guerra Civil. O acto celebrarase precisamente no Museo Pedagóxico de Galiza, lugar simbólico onde está a constancia documentada da memoria docente do noso país.

O portavoz da comisión organizadora, Manuel Dios, destacou que estamos diante dun acto unitario, organizado por todas as entidades que se reclaman herdeiras daquela tradición republicana en Galiza. "É un acto de recoñecemento, de xustiza, de homenaxe, tamén de reparación dunha débeda histórica coas familias dos mestres e mestras republicanas fusilados durante a Guerra Civil, así como con todos os docentes represaliados". Segundo Manuel Dios, trátase dun acto que debera terse celebrado fai xa moito tempo e que agora se realiza, por iniciativa da sociedade civil galega, no marco do Ano da Memoria.

O acto dividirase en tres partes: unha primeira parte de carácter institucional, unha segunda na que se proxectará a película "A escola fusilada" de Iñaki Pinedo e Daniel Alvarez, presentada por este último, e unha terceira, na que Avelino Pousa, Antía Cal, Isaac Díaz Pardo e Herminio Barreiro darán conta, en primeira persoa, daqueles acontecementos que endexamais tiveran que ter ocorrido.


0/5 (0 votos)