O alcalde de Verín, o socialista Emilio González Afonso, decidiu retirarlle as competencias en urbanismo ao concelleiro nacionalista Abelardo Rúa, precipitando a fin do goberno conxunto deste concello ourensán. Rúa pedira a anulación do proceso de selección dun auxiliar para a biblioteca municipal ao detectárense irregularidades que incluían a vulneración do dereito ao anonimato dos candidatos e as probas de posíbeis filtracións das preguntas do exame. Paradoxalmente, o concelleiro independente supostamente implicado de xeito directo nestes sucesos, esixíralle ao alcalde o cesamento do socio nacionalista para seguir apoiando o goberno, medida que finalmente concedeu Afonso.
O goberno de coalición en Verín mantiña na alcaldía deica agora a Emilio González Afonso, do PSdeG, que conseguira catro asentos no Concello logo das últimas municipais, e que contou co apoio dos tres concelleiros do grupo independente Ver.In e dos dous concelleiros do BNG. A reentrada no escenario político de Santiago Cid Harguindey, veterán da política local vencellado anteriormente a outras formacións conservadoras verinesas, permitía así un pacto que afastaba ao PP, con oito concelleiros, do goberno da vila.
Porén, a estabilidade do goberno verinés entrou en crise nas últimas semanas debido ao proceso aberto para a contratación dun auxiliar de biblioteca. As probas da existencia de claras irregularidades, motivaron que o nacionalista Abelardo Rúa, membro do tribunal, presentase unha solicitude para que se anulasen as probas realizadas e se reiniciase o proceso. Á decisión opuxéronse o propio alcalde e Cid Harguindey, a quen ao fío lle atribúen responsabilidade directa no acontecido, ao entrar na sala de exame e esixirlles aos candidatos que asinaran os seus textos e quen presuntamente tería redactado as preguntas dun exame para o que non existía temario e ás que unha das candidatas contestou de xeito case idéntico ao modelo de corrección proposto.
Con todo, Harguindey denunciou que Rúa rachara a disciplina de voto establecida no pacto de goberno e esixiulle ao alcalde que o nacionalista deixase por iso o seu labor á fronte da concellaría de Urbanismo. O rexedor, Manuel González Afonso, tomou á fin a decisión de quitarlle as competencias a Rúa, asinando a fin do tripartito.