A publicidade en castelán que até hai poucos días mantiña a Fundación Semana Verde en todos os medios é un detalle revelador sobre os problemas da xestión actual do evento para responder ás demandas específicas de labregos e gandeiros galegos. Analizamos o seu futuro aproveitando a cita que comeza este mércores en Silleda. Desde a propia comarca do Deza, Marcos Louzao, do Sindicato Labrego Galego, chama a "darlle unha dimensión verdadeiramente galega". "Calquera cousa que se promova de costas ao sector está condenada a fracasar", advirte Francisco Bello, secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores. Na mesma liña, Anxo Vázquez, enxeñeiro agrónomo, destaca precisamente esa necesidade de "involucrar ao sector produtivo".
"Involucrar o sector produtivo galego ofrecería grandes resultados". Reflexionando sobre o futuro da Semana Verde, Anxo Vázquez, xornalista e enxeñeiro agrónomo, director do programa "O Agro-Labranza" da TVG desde hai anos e experto coñecedor de feiras agrarias e alimentarias de toda Europa, opina para Vieiros sobre os obxectivos que debería ter a reformulación na actividade da Fundación Semana Verde e do seu principal evento feiral.
Implicar ao contorno local
Ao fío, Anxo Vázquez destaca o interese da Royal Show, no Reino Unido, evento para o sector primario que se destaca pola súa implicación de todos os ámbitos e asociacións vencelladas ao seu eido de actividade. Nese sentido, ve un défice claro na feira de Silleda, e cara ao futuro subliña a importancia que tería por exemplo que se facilitase que as cooperativas se involucrasen na súa organización, como referente para a necesaria participación de todo o sector produtivo, e insiste en que é imprecindíbel darlle voz aos diferentes colectivos e entidades que poden facer achegas e asumir diversas funcións.
Ao respecto, Marcos Louzao Outeiro, do Sindicato Labrego Galego, lembra que as orixes da feira foran máis prometedoras, existindo unha representación real dos sectores agrogandeiros do país e servindo para a realización de importantes contactos a nivel estatal ou europeo. Louzao Outeiro láiase de que co tempo, as políticas desenvolvidas polo PP privilexiaron ao sector transformador chegando ao punto de que a feira se convertera nun asomo de concesionario "onde vendernos tecnoloxía", e marxinando e restrinxindo a presenza dos labregos e gandeiros de Galiza, que remataron tendo "unha presenza simbólica". Integrado no SLG na comarca do Deza, Louzao lembra que malia perder peso con respecto ao Estado nos últimos anos, non debera esquecerse que por exemplo no ámbito gandeiro, Galiza aínda representa o 35% do total de explotacións e a metade dos gandeiros a nivel estatal, peso socio-económico que ao falarmos do futuro da Semana Verde debera impulsar que "o seu epicentro sexan Galiza e os gandeiros e labregos galegos".
Francisco Bello, secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores, relata un caso concreto, como é o da feira de maquinaria agrícola realizada agora de xeito independente e cada dous anos como un exemplo de éxito, "e probablemente niso é fundamental que foi o propio sector quen tomou a iniciativa para organizala", no canto de ser como antes, onde se realizaba nunha data completamente inaxeitada para o que era a dinámica do sector.
Convertila en referencia
"Existe a oportunidade de convertila nunha feira de referencia agropecuaria a nivel estatal", prognostica Francisco Bello. Na súa opinión, hai que recoñecer as boas cousas que a Semana Verde conseguiu neste tempo, "onde foi un escaparate importante para nós e melloraron moitas cousas desde aquel recinto inicial onde chovía por nós até as instalacións coas que se conta hoxe".
Bello explícanos que "se entendemos que hai unha catedral como ésta, non debería haber tantas capillas". Segundo a súa análise, están multiplicándose en Galiza feiras e eventos varios, "produto moitas veces do localismo", e moitos deles coincidentes na súa temática, sen criterio común ademais de adicarse ao mesmo e ausentes dunha estratexia global. O representante de Xóvenes Agricultores opina que "se nun momento dado se decide apostar por un recinto deste tipo e ubicado no centro de Galiza", debérase aproveitalo, organizalo dalgún outro xeito e relanzar as súas potencialidades.
O fracaso da xestión
Sen entraren a personalizar as eivas xestoras da Semana Verde, os expertos consultados por Vieiros, ven lóxico o momento de transición no que se atopa o proxecto na actualidade e entenden que debe formar parte da acción estratéxica que impulse o novo goberno e redefinirse en función diso. Coinciden todos eles na necesidade de mellorar o funcionamento executivo. "É evidente que debe ser máis áxil e participativo", indica Anxo Vázquez, chamando a darlle ao sector "a oportunidade de dicir o que necesita" e salientando que "hoxe non debe facerse nada de costas ao sector".
"Isto vén sendo un clube reducido de persoas que non representan o sector", critica máis directamente Marcos Louzao en referencia ao papel da Asociación Feiral dirixida por Xosé Maril, "debería estar representado todo o mundo con parte activa no sector, todos deben poder opinar e debe dárselles voz". Louzao agarda que unha vez remate a blindaxe dos dirixentes actuais, a Fundación pase a "democratizarse" e á fin "os gandeiros e labregos gañen o peso estratéxico que merecen na feira". "É necesaria transparencia e que todo o mundo poida participar", pide.
Aos "xestores da Catedral" se refire con retranca Francisco Bello, de XXAA, afirmando que "calquera cousa que se promova de costas ao sector, sen contar coa voz de labregos e gandeiros, está condenada a fracasar" e reflexionando que "se investimos milleiros de euros aí, hai que rendabilizalos", ao tempo que se amosa a prol dunha "xestión máis profesionalizada".
Oportunidade para os produtos galegos
"Non pode ser que o principal sexan darlle espazo a expositores chegados doutros lugares, a traeren a súa artesanía, embutidos ou o que sexa, a maioría de fóra", comenta Bello, animando a que a Semana Verde faga espazo a "moito máis produto galego" e pular porque o evento sirva "ás necesidades de Galiza". "Non só debe estar enfocado á importación, senón tamén á exportación e ofrecernos oportunidades para vender os produtos galegos", destaca.
No mesmo sentido comenta Marcos Louzao a necesidade de que a Semana Verde sexa espello do dinamismo cara ao que evolúe o sector agrogandeiro en Galiza e o seu avance na mellora da calidade dos produtos. É nesa liña que fala da volta "ás propias orixes da feira" e a oportunidade para darlle "unha dimensión verdadeiramente galega". Chama ademais a non esquecer a súa potencialidade como escenario eficaz para establecer relacións, debate e intercambio de experiencias tamén con outros labregos e gandeiros doutras partes do Estado.
Anteriores: