Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARA A OUTRA ESTRATEXIA PARA O FUTURO DA FUNDACIÓN (2)

Semana Verde: auditoría de eivas e défices

Hai dez anos que o Consello de Contas realizara un informe sobre a Fundación Semana Verde que a pasaba a poñer directamente na lista de institucións con necesidade dunha urxente revisión. Á espera de que agora se coñeza a recente análise encargada polo goberno galego, a fiscalización realizada daquela amosa unha longa lista de irregularidades no seu funcionamento. Á luz do proceso aberto para a reforma da Fundación e ás portas da 29 edición da feira internacional Semana Verde, recuperamos algunhas das advertencias e recomendacións do Consello.

- 07:00 13/06/2006
Tags:

A Fundación fora creada con catro metas básicas: apoio ás propios obxetivos da Asociación Feiral Semana Verde; promoción de estruturas comerciais e patrocinio de feiras sectoriais, exposición e lonxas de contratación; formación profesional das xentes do campo e de todos os sectores con el relacionados; e patrocinio do certame anual "Semana Verde de Galiza".

Plataforma sen vocación galega
A auditoría realizada na altura de 1996 mencionaba datos como a baixa participación de expositores doutros países, a reducida utilización da superficie do recinto, a existencia de feiras só durante 18 días ao longo do ano, a celebración semanalmente da Lonxa Agropecuaria sen prestacións a cambio para a Fundación... o informe do Consello de Contas subliña que o espírito que debera promover a celebración das actividades feirais debera ser o de "actuar como elemento dinamizador da economía galega e ser un medio de promoción dos seus produtos".

Así, xa daquela o Consello se facía eco dunha crítica moi habitual dez anos despois entre o sector agrogandeiro galego: "cómpre evitar que os recintos e actividades feirais nas que se empregan cantidades importantes de fondos públicos se convirtan en plataforma privilexiada de venda de productos elaborados fóra da nosa comunidade autónoma".

Eivas nas contas
A auditoría comezaba a investigación polo detalle do proceso de construcción do propio recinto feiral, cuestionando "a súa eficacia, eficiencia e calidade" e advertía tamén a que a Fundación desenvolve a súa actividade grazas a subvencións públicas recibidas da Xunta e que á vez ela mesma as concede "como se dun servizo máis se tratara, convertíndose en mera intermediaria na concesión de subvencións eludindo os controles que os organismo públicos deben exercer sobre as mesmas".

A análise reparaba por exemplo en que a entidade realizaba adxudicación de traballos a empresas por elevadas cantidades de diñeiro sen que constase que se lle abrise a oportunidade a outras empresas para optar a eses contratos.

O Consello tamén se queixaba das limitacións ao labor fiscalizador, xa que a información económico-patrimonial achegábase incompleta; botábase en falta un organigrama de persoal, por outro lado, nese tempo, os gastos de persoal abranguían aproximadamente o 20% do orzamento; e subliñábase a ausencia dunha auténtica contabilidade por prorgamas para as actividades económicas da Fundación.

Concluía tamén que a información que se extraía dos orzamentos non permitía unha análise que axudase a comprobar o cumprimento dos obxetivos e o custo real das actividades realizadas pola Fundación Semana Verde.

Ao tempo, laiábanse de que non se lle facilitara ao organismo fiscalizador ningún tipo de información que lle permitise avaliar o impacto das feiras sobre a produción industrial e as exportacións.

Fiscalización pendente desde aquela
En marzo de 2006, os deputados de PSdeG e BNG aproveitaban a comisión para as relacións co Consello de Contas para pedirlle de xeito específico que este organismo incluíse na súa actividade fiscalizadora á Fundación Semana Verde. Nesa sesión, lembrada especialmente pola solicitude de socialistas e nacionalistas para a investigación a fondo das obras "contratadas por procedimento negociado, libre e por concurso polas deputacións provinciais desde o ano 2000", destacou ademais a petición de fiscalización selectiva que tamén incluía a Portos de Galicia, Augas de Galicia, a Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, Turgalicia, as confrarías de pescadores ou a Fundación Centro de Transfusión de Galiza.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: