Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
17 XUÑO

As Asociacións de Veciños convocan unha manifestación contra o Plan Xeral en Nigrán

As asociacións de veciños de Nigrán convocaron para o próximo sábado 17 de xuño unha manifestación de protesta contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Baixo o lema "Por un PXOM xusto para todos e todas", as AAVV queren estender a convocatoria a todos os municipios galegos en contra da especulación e a marbellización da costa galega.

- 08:18 12/06/2006
Tags:

Alfredo Rodríguez, alcalde de Nigrán, paralizou a semana pasada a aprobación inicial do PXOM logo das protestas e presións veciñais. Aínda así, os veciños de Nigrán non queren só a rectificación do PXOM se non que agora piden "claridade e transparencia" para que se aclaren os posíbeis delitos urbanísticos denunciados na prensa nos últimos días. No punto de mira, as recualificacións de leiras rústicas nas zonas das Angustias, Ramallosa e Telleira, que aparecen no novo PXOM, un total de 123.000 metros cadrados adquiridos pola sociedade Metrowest Europa S.L., administrada por Carlos Mouriño, actual presidente do Celta de Vigo.

Tal e como apuntaba valminor.info a partires dunha análise de crecemento demográfico, a Xunta considera que o novo PXOM de Nigrán promove vivendas para 30 anos, pese a que o seu horizonte temporal é de 12 anos.

Os veciños tampouco esquecerán o proxecto do campo de golf de Chandebrito. Unha superficie de 800.000 metros cadrados que, segundo as asociacións veciñais, "deixaría o maior patrimonio arqueolóxico protexido de Nigrán, sepultado baixo o green". A xunta sinalou ao respecto que o proxecto carece dun estudio de impacto medio ambiental e paisaxístico.


Ligazóns

0/5 (0 votos)