Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARA A OUTRA ESTRATEXIA PARA O FUTURO DA FUNDACIÓN (1)

Semana Verde: un revoltallo feiral por definir

Eran tres millóns de euros de défice na altura de 2000, cifras que multiplica unha auditoría recente e que impulsarán a reforma estratéxica da Fundación Semana Verde. Nun mes deberá celebrarse unha nova reunión do padroado, onde se axustará un primeiro plan de traballo cara ao futuro da institución. Pero no camiño da transición aínda haberá que agardar a 2007, cando remate a blindaxe conseguida polo presidente actual, que inclúe un dos soldos máis elevados de Galiza: máis de oito mil euros ao mes ingresa Xosé Maril á fronte desta institución. Gañando prestixio ao longo deste tempo, a historia de acertos e desacertos cumpre neste 2006 un total de 29 edicións.

- 07:05 12/06/2006
Tags:

Co potencial de ser referente a nivel galego e estatal e xogar un papel relevante no desenvolvemento de novas estratexias en favor do sector agrogandeiro en Galiza, paradoxalmente, a Semana Verde sofre dunha forte crise económica e de identidade, e nos últimos anos non está claro o camiño cara a onde van tirar a súa principal cita e a institución que a promove.

A historia
Na altura de 1979 creárase oficialmente a Asociación Feiral Amigos da Semana Verde, un ano despois de que Silleda acollese a primeira edición do evento. O colectivo foi promotor de todas as actividades posteriormente xurdidas a carón da feira principal, até que en 1991 se creou a bautizada Fundación Semana Verde, onde a asociación mantivo o control executivo durante anos.

Durante ese período, o goberno do PP xa era consciente dos problemas económicos da Semana Verde e o propio Manuel Fraga apelara á necesidade de mellorar a xestión ao anunciar a toma de control da Fundación por parte do executivo, e referírase ao elevado investimento realizado pola Xunta na feira de Silleda para xustificar ese paso. Así e todo, o núcleo silledense resistiuse á operación, con rifa de poderes incluída a nivel interno no PPdeG. Con todo, producíase daquela a ampliación do patronato da institución, dándolle paso aos representantes do executivo, en 2002, no medio dun pulso entre a dirección da asociación feiral e o goberno galego, saldado á fin coa concesión á blindaxe do liderado de Xosé Maril á fronte da entidade. Así, e aínda que os novos estatutos trasladábanlle poder executivo ao patronato, reforzaban o protagonismo de Maril, cunha longa traxectoria de traballo no desenvolvemento da feira, pero aparentemente sen unha idea clara de como afrontar os desafíos da especialización e a profesionalización que el mesmo, nalgunha intervención pública, recoñeceu necesarios.

Cambio de goberno, cambio de estratexia?
O executivo galego saído das urnas antes do verán tivera en outubro pasado o seu primeiro contacto coa Fundación Semana Verde. Foi a conta da celebración no recinto feiral de Silleda do evento Turisport. O coñecido Salón de Turismo, Deportes e Desenvolvemento Rural tiña fixada cita con diversos representantes do executivo e aló estiveron altos cargos das consellarías de Medio Rural, Medio Ambiente e Industria.

O recinto mesmo fora escenario ás portas das eleccións galegas de 2005 dun incidente de diplomacias interdepartamentais cando a organización arranxou un percorrido con marcado protagonismo para o presidente Manuel Fraga e presuntamente, unha manifesta relegación ao segundo plano da ministra de Agricultura, a galega Elena Espinosa. "Sodes uns malvados", apúxolles a ministra a Xosé Maril e ao gabinete do executivo Fraga, "dándolle aceita para engraxar o que lle falta para o 19?", ironizou Espinosa sobre o acontecido na visita aos espositores, "coñézovos a todos desde hai anos, paréceche normal que isto se faga nunha feira?".

A Fundación tén en nómina na actualidade un total de 47 traballadores, e pola súa banda, a asociación feiral dálle traballo a outras nove persoas. Por riba de todos eles, destacan os ingresos de Xosé Maril, que no seu cargo de presidente da Fundación Semana Verde, institución sen ánimo de lucro, cobra un soldo incluso superior ao do presidente da Xunta, ingresando ao cabo do ano algo máis de cen mil euros.

O bipartito prepara un plan urxente para axustar as contas
Malia recoñeceren a preocupación pola débeda que arrastra a Fundación, desde a Xunta renuncian de momento a faceren públicos os números concretos do buraco, aínda que na altura de 2000 o défice acumulado era xa de tres millóns de euros e a consellaría de Presidencia tén xa por riba da mesa unha auditoría con detalle dos problemas financieiros. Así, a recente xuntanza do Padroado estudou a maneira de realizar reformas para reducir as perdas e púxose a tarefa de redactar uns novos estatutos que serían presentados a finais de 2006, cambios que se aplicarían en 2007.

"Co esquema de financiamento actual non pode seguir funcionando xa que a súas débedas se están a cubrir con fondos propios", apuntou Xosé Luís Méndez Romeu a semana pasada advertindo da descapitalización da fundación e avanzando que a consellaría que dirixe leva a cabo unha "análise estratéxica financeira" que estuda a viabilidade e o rol do Padroado no futuro. A axenda de traballo insinuada por Romeu apunta a "marcar novos horizontes de traballo para mellorar o labor da Fundación" e nesa tarefa falou de proxección de imaxe de marca, ampliación ou captación de novos clientes. Agárdase que na definición do futuro teña especial protagonismo a consellaría de Medio Rural, de cara a inserir realmente o potencial dos eventos agrogandeiros do recinto feiral de Silleda no deseño das novas estratexias para o rural galego.

Algúns números
A Fundación Semana Verde move actualmente un orzamento de 6 millóns de euros anuais, a metade de fondos propios e o resto achegas externas de diverso tipo, incluídos diversos departamentos da Xunta.

En 2005 achegáronse á Feira Internacional Semana Verde un total de 1620 empresas expositoras, procedentes de até 36 países distintos, que despregaron os seus produtos e servizos nun área de 46.748 metros cadrados. Daquela, o evento tivo un orzamento de 1.4 millóns de euros e precisou do traballo durante os días que durou a feira de até 226 persoas.

Nesa edición 2005, a organización calculou en cen mil o número de visitantes que se achegaron ao recinto feiral de Silleda. Nos encontros de negocio paralelos, que acolle o salón internacional Salimat, producíronse 296 citas acordadas previamente entre medio cento das empresas expositoras. Á beira, a organización apunta que outros 250 encontros de negocio se produciron sen cita previa.

A executiva actual
Logo da modificación estatutaria, realizada no último treito do goberno de Manuel Fraga, o Padroado da Fundación Semana Verde, órgano principal que rexe a súa actividade, tén na presidencia a Xosé Maril Sánchez e na vicepresidencia ao alcalde do Concello de Silleda, Xosé Fernández Vieitez.

O resto dos integrantes complétanos, por parte da Xunta, a conselleira de Política Territorial, actualmente María Xosé Caride; Innovación e Industria; Medio Rural e Presidencia e Administracións Públicas; o director xeral da consellaría de Presidencia; o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica; o director da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial do propio Igape; o director xeral para o Deporte e o director xeral de Turismo.

Á beira aparecen tamén o presidente da Deputación de Pontevedra e o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra. Completan o órgano executivo os vicepresidentes primeiro e segundo da Asociación Feiral Semana Verde, Manuel Mosquera e Roberto Rivas; o tesoureiro, Antonio García Frade, e o vogal da asociación feiral, posto que ostenta Manuel Fernández de Sousa Faro. Por último, o secretario xeral letrado, Francisco Javier Irisarri.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: