Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PXOM RECOLLE UN CRECEMENTO DÚAS VECES MAIOR DO ESTIMADO POLO INE

Os veciños de Nigrán non aceptarán a proposta de modificar o plan logo da súa aprobación inicial

O alcalde de Nigrán, Alfredo Rodríguez, abandonou onte o mutismo dos últimos días e ofreceu unha rolda de prensa na que convidou os veciños a permitir a aprobación inicial do Plan Xeral para, posteriormente, realizar as modificacións oportunas. As asociacións de veciños non aceptarán a proposta do alcalde xa que, unha vez aprobado inicialmente o PXOM, o compromiso do alcalde non tería validez xurídica. Os veciños consideran que se trata dunha manobra cara aos medios e lembran que as súas preocupacións van máis alá das recualificacións e das futuras estradas, sinalando que o Plan non contempla unha solución aos problemas estruturais de Nigrán para os vindeiros 15 anos

- 09:18 08/06/2006
Tags:

Alfredo Rodríguez, alcalde de Nigrán, compareceu onte ante os medios e solicitoulle os veciños de Nigrán que favorezan a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal para, posteriormente, realizar as modificacións oportunas. O alcalde anunciou que intentará "sacar adiante" o texto e insistiu en que, se non se aproba agora inicialmente, haberá problemas cos prazos.

Porén, as asociacións de veciños de Nigrán, non teñen pensado aceptar dita proposta xa que, segundo lles recoñeceu o mesmo alcalde, calquera acordo ou compromiso acadado antes da aprobación inicial non tería ningún tipo de validez xurídica. En declaracións a Vieiros, Xoán Hermida, vogal da Asociación de Veciños de Nigrán, asegurou que os veciños de Nigrán só aceptarán unha nova redacción do texto ou unha reforma profunda do mesmo, pero en ningún caso aceptarían unha aprobación inicial.

Novo plan, os mesmos problemas
A actualidade informativa destes días en Nigrán apunta as sospeitosas recualificacións, ao percorrido das futuras autoestradas ou aos problemas de orde público. Porén, a cidadanía de Nigrán tamén ve no novo Plan Xeral un gran problema estrutural que pode afectar a vila durante as próximas décadas. Segundo Pedro Telmo, coordinador do portal Val Miñor, "a oposición frontal que existe contra este plan non é por temas puntuais, o problema é o propio espírito do PXOM onde os veciños ven que non resolve os problemas estruturais do pobo de Nigrán para os vindeiros quince anos".

Telmo considera que Nigrán non pode crecer o dobre da previsión feita polo INE, poñendo en evidencia que dito crecemento non responde a unha necesidade real, xa que se centra nas zonas costeiras e discrimina as zonas do interior onde os servizos básicos como a luz, accesos, auga, electricidade ou saneamento, son precarios.

"A xente síntese indignada de ver como en zonas como Monteferro ou en Canido, existen beriarúas, farolas, alcantarillado, agua, xardíns, etc. e son zonas onde aínda non existe unha vivenda", asegura Telmo.

O coordinador de Val Miñor, sinala tamén a falta de vivenda pública e o desmesurado incremento do prezo dos pisos en Nigrán, facendo que os mozos e mozas da zona teñan que procurar unha vivenda en concellos como Ponteareas, Tomiño ou Salceda de Caselas, tendo Nigrán un 46% de vivendas baleiras ou de carácter secundario.

  • Máis información no portal Val Miñor.


  • Documentos

    Ligazóns

    0/5 (0 votos)