Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS RECUALIFICACIÓNS DE TERREOS NO PUNTO DE MIRA

As asociacións veciñais de Nigrán esperan a chamada do alcalde para revisar o Plan Xeral

Silencio, é o único que recibiron as asociacións veciñais de Nigrán por parte do seu alcalde logo do cruce de declaracións dos últimos días. Os veciños, que negaron formar parte dunha "trama orquestrada" por parte da oposición, tal e como denunciara Alfredo Rodríguez o pasado fin de semana, convidaron o alcalde a retomar a elaboración do plan, iso si, dun xeito consensuado. Ao mesmo tempo, a atención nestes días recae sobre o posíbel tráfico de influencias na recualificación dunha parcela de 20.000 metros cadrados próxima ao Concello. Pola súa parte, a Garda Civil está tentando identificar os violentos que protagonizaron os enfrontamentos do pasado venres.

- 07:18 08/06/2006
Tags:

As Asociacións de Veciños de Nigrán aínda non recibiron resposta ningunha ao seu comunicado de onte. Nel, os veciños amosaban o seu desexo de participar na elaboración do plan e anunciaban que non deixarán de exercer o seu dereito a expresar pública e libremente as súas opinións de desacordo co futuro PXOM. O alcalde de Nigrán, Alfredo Rodríguez, aínda non contestou formalmente á proposta dos veciños, nin tampouco á negación destes de formar parte dunha "trama orquestrada" por parte da oposición.

Rodríguez, que o luns presentou a súa dimisión como director xeral do Celta de Vigo, chamou á calma e apelou á "reflexión para atopar unha solución". Pola contra, o seu socio de goberno, Avelino Fernández dos independentes, asegurou non estar disposto a negociar cos causantes dos actos agresivos e reclama "medidas contra os axitadores".

Posíbel tráfico de influencias
Apenas cinco días despois dos incidentes no concello, os veciños da vila puideron confirmar un rumor que desde hai tempo estaba en boca de toda a veciñanza. Segundo informa ‘La Voz de Galicia’ o Plan Xeral de Nigrán contemplaba a recualificación dunha parcela de más de 20.000 metros cadrados de chan rústico que Ricardo Barros Hermida e Antonio Juan Rosendo Martínez, vicepresidente e conselleiro do Celta respectivamente, mercaran hai tres anos, cando Rodríguez xa era candidato á alcaldía ademais de ser director xeral do club vigués. A noticia non sorprendeu a ninguén en Nigrán xa que, aínda que ata o momento non se fixera público o nome dos propietarios e a súa relación con Rodríguez, a situación da parcela era ben coñecida polos veciños e xa estaba no punto de mira dos contrarios ao plan como un posíbel caso de tráfico de influencias.

Veciños baixo sospeita
A Garda Civil leva desde o luns realizando as labores de identificación das persoas que participaron nos altercados do venres pasado. Membros do corpo, que xa filmaran cos seus propios medios aos manifestastes na praza da Constitución, solicitaron tamén os principais medios de comunicación, que cubriron os enfrontamentos diante do concello, as cintas coa fin de identificar os violentos. Así, desde o luns numerosos veciños da comarca están a ser interrogados nos seus propios domicilios sobre a súa participación nos altercados.

Aínda que sen esclarecer as causas, o incendio que se rexistrou o martes nun galpón propiedade do presidente da Asociación de Veciños "Outeiro" de Parada, preocupa os habitantes de Nigrán que se manteñen cautos á hora de apuntar a unha posíbel intencionalidade. Porén, é imposíbel non lembrar o incendio que a finais do 2005 estragou o coche do concelleiro do BNG David Giraldez, contrario ao plan.

  • Máis información no portal do Val Miñor


  • Ligazóns

    0/5 (0 votos)