A Asociación pola Defensa da Ría convocou para este sábado 10 de xuño unha nova edición da "Marcha contra celulosas". Así, ás 19.30 horas, as alamedas de Marín e Pontevedra serán os puntos de partida das manifestacións que reclamarán o peche inmediato da planta de Elnosa en Lourizán, amosando o seu rexeitamento a proposta que sinala o cesamento de actividade da planta para o 2018.
"Na APDR estamos convencidos de que Ence vai abandonar Lourizán, pero non estamos dispostos a agardar ao 2018". Segundo a asociación, durante os últimos anos a loita polo saneamento e recuperación da ría está a dar os seus froitos. Logo do traslado da fábrica de Tafisa do centro da cidade e coa meirande parte dos vertidos urbanos separados das augas pluviais e conectados á depuradora, a APDR comeza a contemplar un modelo económico alternativo para a comarca.
Aínda así, aseguran que "non está todo feito" en referencia aos próximos 12 anos nos que a planta de Elnosa en Lourizán aínda estará a funcionar. A Asociación considera que "Pontevedra non pode hipotecar o seu futuro ata ese ano; porque non se pode manter por máis tempo unha situación que xa todo o mundo ve como irracional." Así, o peche inmediato da planta será o punto central das reclamacións da marcha.