Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA PIDE CRITERIOS "SOCIAIS"

Suárez Canal di que o plan leiteiro do ministerio prexudica as explotacións galegas

"É un claro paso atrás", avaliou o conselleiro de Medio Rural sobre a nova proposta do ministerio de Agricultura para a reestruturación do sector lácteo. Alfredo Suárez Canal criticou que o goberno español "mantén a aplicación de criterios territoriais á hora de repartir a cota procedente dos plans de abandono, fronte aos criterios sociais que rexían o pasado ano e que primaban as explotacións de menos de 177 mil quilos de cota e con vocación de permanencia no sector".

- 07:00 06/06/2006
Tags:

Suárez Canal laiouse este luns de que segundo o modelo impulsado desde o ministerio de Agricultura, Galiza sae especialmente prexudicada do reparto. "Ao igual que o ministerio aceptou outras propostas da Xunta, como a necesidade de eliminar a especulación fixando prezos intervidos para a cota ou a bonificación con recursos públicos da compra destes dereitos para determinadas explotacións, tamén debe asumir os criterios sociais no proceso de reparto", propón o conselleiro de Medio Rural.

"Prexudicarálle ás explotacións galegas e beneficiará as grandes granxas doutras comunidades", avalía o conselleiro. Desde o executivo galego opinan que a proposta actual do goberno español "contribuirá á desaparición da reserva estatal ao facilitar que toda a cota procedente dos plans de abandono se quede no seu territorio de orixe". Ao tempo, critican tamén o propio atraso na tramitación do plan, que en 2005 estaba listo no mes de maio. As alegacións enviadas desde Galiza ao ministerio, inclúen a petición de criterios sociais para o reparto de cota e que "como mínimo o 50% da taxa procedente dos plans de abandono se redistribúa a nivel estatal". Suárez Canal insistiu en que se teñan en conta o peso social do sector leiteiro galego.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: