Alfredo Rodríguez, alcalde de Nigrán, ten cada vez máis complicado lograr a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal da vila do Val Miñor. Logo dos duros enfrontamentos do pasado venres, dúas concelleiras do PP e un edil PIN anunciaron que non votarán a favor se non se negocia antes cos colectivos veciñais, isto faría que Rodríguez perdese a súa maioría no concello. Desde a coalición gobernante denunciase que o PSOE e o BNG "manipularon e enganaron" os veciños en contra do Goberno. Pola súa parte, estes dous partidos, que conforman a oposición, están a investigar unha posíbel fraude no proceso de elaboración do plan.
O pasado venres centos de veciños congregáronse perante o concello de Nigrán co obxectivo de impedir a toda costa a celebración do pleno onde se ía votar a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Logo dos duros enfrontamentos entre manifestantes e forzas de seguridade, recollidos polos principais medios de comunicación estatais, e despois da suspensión definitiva da sesión, a aprobación inicial do plan parece estar cada vez máis lonxe.
Aurora Carbajal e Ana María Rial, do Partido Popular e Xosé Comesaña, do Partido Independente de Nigrán, xa anunciaron a súa intención de non votar a favor do plan se antes non se negocia cos colectivos veciñais e se introducen modificacións antes da aprobación inicial. Deste xeito, Alfredo Rodríguez, que ameaza con expulsar do goberno os tres concelleiros, perdería a súa maioría no salón de plenos e veríase na obriga de redactar un novo plan.
Pola súa parte, a coalición popular-independente, condenou os actos violentos do pasado venres e denunciou que PSOE e BNG "manipularon e enganaron" os veciños en contra do goberno e atribuíron o sucedido a unha "trama orquestrada" por parte da oposición.
O contraataque do PSOE e BNG non se fixo esperar e así, os dous partidos xa anunciaron que están a investigar se o goberno municipal ofreceu durante os últimos tres anos información privilexiada a determinados promotores sobre as futuras recualificacións que se contemplan no plan. Así, e segundo informaron os seus respectivos portavoces, David Giráldez e Efrén Juanes, o PSOE e o BNG non dubidarán en enviar á fiscalía as probas que demostren que houbo tráfico de influencias.