A Asociación pola Defensa da Ría vén de presentar as súas alegacións á solicitude de autorización ambiental integrada por parte de Elnosa. Segundo a asociación, a solicitude non responde ás exixencias da lei e confirma que a planta de Lourizán provocou e segue a provocar unha forte contaminación e supón un elevado risco para a poboación de Pontevedra. Así, a APDR solicita a administración que denegue calquera tipo de autorización a Elnosa que lle permita continuar coa súa actividade. A asociación anunciou tamén a convocatoria dunha nova ‘marcha contra as celulosas’, o sábado 10 de xuño ás 19.30 con saídas desde as Alamedas de Marín e Pontevedra.
A Asociación pola Defensa da Ría tenta deste xeito evitar que Elnosa continúe coa súa actividade así como solicitar á administración a incoación dun expediente de caducidade que determine a suspensión de uso e explotación das instalacións e que se controle o desmantelamento e recuperación dos terreos obxecto de concesión e a restauración dos danos ambientais provocados pola actividade da empresa. No escrito presentado pola asociación, tamén se solicita que se impoña a Elnosa unha fianza consistente na cantidade suficiente para a realización destes traballos de desmantelamento no caso probábel de que a empresa intentara evadirse das responsabilidades que, por lei, lle veñen impostas.
Segundo a Asociación pola Defensa da Ría, o análise da solicitude permite entrever que a empresa non ten pensado asumir as súas obrigas unha vez pechadas as súas instalacións e lembran que Elnosa ten que devolver os terreos no estado no que se atopaban antes de ocupalos.