O Concello de Nigrán está a vivir dende esta mañá unha dura xornada marcada polo enfrontamento entre as forzas de seguridade e os manifestantes que tratan de impedir a celebración da sesión plenaria na que, previsibelmente, tense que votar a aprobación inicial do plan xeral de ordenación municipal da vila pontevedresa. Dende primeiras horas da mañá, os manifestantes convocados diante do Concello, trataron de entrar na casa consistorial para chegar ás portas dun pleno que se ía celebrar a porta pechada. A sesión plenaria foi suspendida temporalmente aínda que os manifestantes non abandonan a Praza da Constitución pendentes dunha posíbel nova convocatoria ao longo do día.
Segundo ValMiñor.info, que está a facer un seguimento en directo da xornada, foi coa chegada dos concelleiros ao edificio cando voaron todo tipo de obxectos (pedras, tomates, patacas, ovos...) que provocaron desperfectos no mobiliario e a ruptura de numerosos cristais do concello. As forzas de seguridade responderon co lanzamento de gases lacrimóxenos ante a presenza de varios manifestantes dentro da casa consistorial. Nestes intres, comezan a chegar máis efectivos das forzas de seguridade para intentar disolver aos manifestantes, aínda que de momento só están a blindar a entrada de acceso ao concello.
Os integrantes dos grupos da oposición saíron do Concello para sumarse aos veciños, quedando dentro do edificio os concelleiros do PP e do PIN, promotores do plan xeral, e que previsibelmente terán necesitarán escolta para abandonar as instalacións.
O portavoz dos veciños, asegurou que o alcalde de Nigrán, Alfredo Rodríguez, segue a manter a súa actitude "inflexíbel" e "provocadora" e chamou aos manifestantes a entrar outra vez no concello para impedir o pleno. Pola súa parte, Rodríguez díxolle aos portavoces das asociacións que "o plan vaise aprobar hoxe, e ninguén o vai a impedir, e que non hai nada que consensuar cos grupos veciñais porque o PXOM non vai ser modificado un ápice."
Segundo os manifestantes, o Plan Xeral de Ordenación Municipal é totalmente restritivo co desenvolvemento nas zonas rurais de Nigrán, e pretende construír vivendas privadas en chan público.