Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CHAMA A UN CAMBIO DE ESTRATEXIAS NO USO DOS FONDOS EUROPEOS

A comisaria Hübner advirte que esta pode ser "a última oportunidade para Galiza"

"Simplemente hai que cambiar de estratexia", afirmou para a Radio Galega este venres a comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hübner, "o mundo cambia e corre e hai que pechar o pasado, lembrando o bo e pensar no futuro e nas oportunidades que se presenten". A eurocomisaria, en visita a Galiza para coñecer de primeira man as prioridades e proxectos do país cara ao novo periodo de fondos comunitarios 2007-2013, amosouse convencida de que haberá axudas para infraestruturas tales coma o tren de alta velocidade Vigo-O Porto, pero subliñou que a prioridade debe ser agora a aposta pola formación e a I+D+i.

- 07:00 02/06/2006
Tags:

Danuta Hübner expresou a súa satisfacción polo que na súa opinión é a convicción do goberno galego sobre a necesidade de mudar o emprego dos fondos europeos, "un cambio de estratexia que amosa que o goberno pensa realmente no futuro", comentou Hübner na Radio Galega, destacando que se traten de impulsar plans para investir máis en educación, en investigación e en innovación.

"A rexión tén un alma universitaria moi forte", dixo detectar, "e gustaríame ver cambios para que os mozos vexan Galiza dun xeito máis atrativo, para que queden e volvan os que están fóra". Á beira destacou que "os empresarios son os que crean crecemento" e indicou que na súa vista destes días que trasladarlle á comunidade empresarial galega que "sen I+D as pemes non poden obter éxitos". "Iso é clave para o desenvolvemento, debe haber un cambio de estratexia", pediu. A comisaria dixo confiar e que Galiza use os fondos "con máis eficacia" e contribúa a consolidar e impulsar as súas potencialidades en función da súa tradición industrial.

O goberno trata coa comisaria a revisión de obxectivos
Durante a súa vista o executivo galego informará a Hübner sobre actuacións realizadas no período anterior e arredor da estratexia para o novo período de chegada de fondos comunitarios. Especialmente, desde a consellaría de Economía destacan o chamado "Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia", Mecega, para o periodo 2007-2013, "cuxo proceso de elaboración será comentado coa comisaria". A primeira fase deste plan estará rematada en xullo, e a programación definitiva e actuacións concretas vanse coñecer en outubro.

"Galiza apostará por darlle un impulso á innovación tecnolóxica e de procesos, e por completar a modernización das infraestruturas de transporte e comunicación", comentou en días pasados o conselleiro de Economía. Xosé Ramón Fernández Antonio subñiñou "a inequívoca aposta pola educación e a formación do capital humano como elemento básico para aumentar a competitividade, a produtividade e a internacionalización da nosa economía", destacando que a reorientación na utilización dos fondos comunitarios "primará máis a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: