Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANUEL ANXO CALO MARCOTE, PROTAGONISTA DA FAMOSA FOTO DE MANUEL FERROL

Morre un dos símbolos da emigración galega

Manuel Anxo Calo Marcote, "O Jurjo", faleceu onte en Fisterra. Baixo este nome e apelidos anónimos agochábase un dos maiores símbolos da emigración galega dos anos 50. "O jurjo" protagonizou hai case 50 anos a que é sen dúbida a foto máis famosa do prestixioso fotógrafo Manuel Ferrol. Foi un 27 de novembro de 1957 cando Manuel Anxo e o seu fillo acudiron ao porto da Coruña para despedirse dos seus pais, unha irmá e varios curmáns que partían cara Arxentina. A instantánea que reflicte a dor de pai e fillo percorreron o mundo enteiro e converteuse nun símbolo universal do éxodo que viviu a poboación galega a mediados de século XX.

- 09:02 01/06/2006
Tags:

Fisterra despediu onte a Manuel Anxo Calo Marcote de oitenta anos de idade, máis coñecido como "O Jurjo". Malia a súa morte, este mariñeiro e emigrante en Suíza, permanecerá para sempre na memoria colectiva galega logo de protagonizar a foto "O home e o neno". Foi en 1957 cando o fotógrafo Manuel Ferrol inmortalizou a dor e sufrimento dun pai e fillo descoñecidos no porto da Coruña. Manuel Anxo e o seu fillo, que acudiran ao peirao coruñés para despedirse dos seus familiares que partían cara Arxentina no buque Juan de Garay, nunca imaxinarían que co paso do tempo esa despedida converteríase en todo un símbolo da emigración galega.

Manuel de Ferrol, que faleceu no 2003, foi reporteiro de televisión e fotógrafo de estudo, cine e prensa, e captou co obxectivo da súa cámara, logo de 45 anos de profesión, os mil ángulos de Galiza. Porén foi "O home e o neno" a instantánea que marcaría a súa obra. A foto percorreu as principais salas de exposicións de todo o mundo e mesmo inspirou a portada dun disco de "Os Resentidos". Esta e outras fotografías de Manuel Ferrol sobre a emigración galega foron recollidas en numerosas enciclopedias, libros de historia e de política así como en artigos diversos nos medios de comunicación de todo o mundo.


0/5 (0 votos)