A necesidade de actuacións que impliquen que "unha parte importante dos resultados do negocio revertan en beneficio do país", está na base da convocatoria que a consellaría de Innovación fixo este martes para a adxudicación doutros 750 megavatios de enerxía eólica. A Xunta favorecerá as peticións que incorporen "proxectos de desenvolvemento vinculados a concellos afectados", ademais de valorar que non lle afecten a espazos da Rede natura ou a ecosistemas de protección especial.
O goberno galego completará con esta convocatoria os compromisos adquiridos para a aplicación dos Plans Eólicos Empresariais, rematando a execución dos plans aínda vixentes antes do deseño do que será o próximo modelo de enerxía eólica para Galiza.
Así, as solicitudes a tramitar en 2006, que en conxunto non poden superar os 750 MW, terán como criterio destacado para a súa avaliación a presentación paralela de proxectos de desenvolvemento para os concellos onde estean os terreos do parque eólico. Á beira, vaise mirar polo miúdo que non lle afecten a ningún espazo que poida ser obxecto de especial protección atendendo aos criterios da consellaría de Medio Ambiente. De paso, e por primeira vez, a consellaría de Innovación valorará que as solicitudes eólicas inclúan fórmulas de participación do sector público, procedemento que se xestionará a través do Instituto Enerxético de Galiza.