Na fin de semana celebrouse na localidade escocesa de Fort William a segunda proba puntuábel para a Copa do Mundo de descenso e de four cross, coa participación de Eva Castro, a ciclista de Oleiros. Castro, que quedara sexta na Copa do Mundo de Vigo, só puido ser undécima en Escocia, en boa medida por culpa de Iberia.
Eva Castro (SCR Specialized) acudía a Fort William coa ilusión de coarse unha vez máis entre as dez primeiras ciclistas do mundo e, quizais, coa posibilidade de mellorar a excelente sexta posición colleitada en Vigo. Pero Castro non contaba con que Iberia lle ía perder a bicicleta no aeroporto de Barcelona e que esta non chegaría a tempo para a competición. A compañía aérea española insistiulle á mellor ciclista galega que disporía da bicicleta para a hora da proba, pero despois de citar a Castro en Glasgow para que a recollese dúas horas antes dos adestramentos oficiais, a bici non apareceu.
Castro tivo que correr cunha bicicleta emprestada, dunha talla superior á que emprega habitualmente e máis pesada. Aínda así, competiu en cuartos contra a checa Jana Horakova, contra a australiana Katrina Miller e contra a alemá Carolina Pasedach, e quedou terceira a moi pouca distancia da australiana. A checa sería segunda na clasificación final, mentres que a australiana foi cuarta. Eva Castro quedou finalmente posicionada de 11ª, e agora é novena na xeral da Copa do Mundo. En Fort William tamén competiu, pero en descenso de montaña, a viguesa Violeta Janeiro, que non puido pasar das roldas previas e que ocupou finalmente a posición 31ª.
A compañía Iberia volveu perderlle a bicicleta a Eva Castro á volta cara á Coruña. Cando apareceu fíxoo "con bastantes desperfectos, cos radios da lamia rotos, co disco de freno torto, cun golpe no chasis da bicicleta e con diversos guichos na pintura". A seguinte proba do calendario despútase esta mesma fin de semana, na cidade alemá de Willingen, onde a oleirense acode para recuperar as posicións perdidas. Tamén estarán nesta terceira cita Xurxo Aguín (41º do mundo) e Violeta Janeiro (22ª).