O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, participou onte na reunión de constitución da Comisión Hispano-Portuguesa de Cooperación Transfronteiriza. En presenza dos ministros de Exteriores de España e Portugal e dos seus homólogos das autonomías limítrofes, Touriño apostou por reforzar a cooperación entre Galiza e o Norte de Portugal para avanzar na construción dunha Eurorrexión "de segunda xeración". Tamén destacou a importancia de impulsar o proxecto estratéxico do AVE Vigo-Porto e reclamou un papel "máis activo" para as Comunidades Autónomas na execución e xestión dos proxectos de colaboración transfronteiriza.
Emilio Pérez Touriño aposta pola creación dun "espazo común de cooperación" entre Galiza e o Norte de Portugal, que vaia "máis alá" da elaboración de proxectos puntuais, sentando unhas "bases sólidas" para unha colaboración transfronteiriza "estábel e permanente" entre ambas marxes do Miño. Deste xeito, Touriño amosou onte, co gallo da constitución da Comisión Hispano-Portuguesa para a Cooperación Transfronteiriza, a súa intención de potenciar a cooperación interrexional e impulsar "proxectos estratéxicos" para a Eurorrexión, "como a conexión en alta velocidade Vigo-Porto".
O presidente da Xunta reclamou para as comunidades cooperantes unha maior "autonomía" para organizar e xestionar a cooperación e salientou a "plena validez e vixencia" da aplicación do principio de subsidiariedade ao ámbito da cooperación territorial, pois considera que deste xeito se garante unha maior eficacia e eficiencia na xestión e execución deses proxectos por parte das administracións máis próximas.