Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
RELACIÓN DA EMPRESA CO GOBERNO ANTERIOR

Senén Prieto SL recibiu adxudicacións sendo Barreiro o conselleiro de Medio Ambiente

Coa chegada do lugués Xosé Manuel Barreiro á consellaría de Medio Ambiente, en 2003, a empresa investigada polas adxudicacións irregulares por parte da Deputación de Lugo, Senén Prieto SL, recibiría ate 500 mil euros en diversos contratos, segundo informes do goberno galego feitos públicos pola axencia Europa Press. Nos micrófonos da Radio Galega, Barreiro, agora aspirante a suceder a Francisco Cacharro á fronte da deputación, aseguraba que segundo o que a el lle consta, os contratos a Senén Prieto SL non pasan dos 24 mil euros e o resto teríao ingresado logo de asumir a subcontratación de traballos adxudicados inicialmente a outra empresa.

- 06:58 26/05/2006
Tags:

Trataríase de diversos contratos de asistencia técnica para realizar diferentes estudos topográficos e hidrolóxicos, vencellados a través do organismo público Augas de Galiza. Os traballos corresponden a requerimentos de obras diversas a realizar no ámbito da provincia de Lugo. Todos eles foron obtidos pola consultora luguesa Senén Prieto SL no período de dous anos e medio no que Xosé Manuel Barreiro estivo á fronte da consellaría de Medio Ambiente. Lembrámoslles que Barreiro é tamén presidente do PP lugués e que na actualidade, e logo de afastarse de Cacharro, que o apoiara inicialmente na loita pola sucesión no PPdeG para logo desafialo coa presentación dunha lista de compromisarios alternativa, rifa con el pola candidatura do partido para sentar na presidencia da Deputación, caso de que os populares consigan manter o liderado na institución.

En declaracións para a Radio Galega, Xosé Manuel Barreiro laiábase de que esa información se faga pública neste momento e subliñaba a súa convicción da legalidade de todas as actividades realizadas pola consellaría da que foi responsábel. Ao tempo, explicaba que segundo os datos dos que dispón, Senén Prieto SL só recibiu catro adxudicacións de asistencias técnicas de diversa índole, cun importe total de 24 mil euros. Xa que logo, e segundo Barreiro as cantidades restantes e que desde o executivo galego lle atribúen tamén a esa empresa, serían froito de adxudicacións realizadas en realidade á empresa Nares Enxeñeiría, que á súa vez subcontratou os traballos a Senén Prieto SL.


0/5 (0 votos)