Máis de 5.000 profesionais do ensino galego están chamados hoxe a participar nunha nova xornada de folga en demanda dun acordo de estabilidade para o profesorado non funcionario. Cig-Ensino, o Sindicato de Traballadores do Ensino Galego e a Asociación do Profesorado Non Numerario de Galicia, convocan este paro ante a "inaceptábel" proposta presentada por Educación na Mesa Sectorial celebrada o pasado 16 de maio. Trátase da segunda convocatoria de folga tras a xornada de paro levada a cabo o pasado 3 de maio.
Profesores interinos e substitutos de Galiza irán hoxe a unha nova xornada de folga e celebrarán unha concentración diante da Consellaría de Educación en Santiago co obxectivo de acadar un acordo de estabilidade para o profesorado non funcionario. Na xornada de hoxe tamén se celebrará unha asemblea de traballadores no salón de actos da Facultade de Maxisterio en Santiago para valorar a situación actual do colectivo.
Cig-Ensino cre que a proposta presentada por Educación na Mesa Sectorial celebrada o pasado 16 de maio é "inaceptábel" porque se trata dunha proposta que non reflicte unha mellora da estabilidade e en materia retributiva "só recolle un pequeno avance". Este venres está prevista unha nova reunión da Mesa Sectorial para tratar o tema. Ao respecto, CIG-Ensino anunciou que espera que a consellaría asuma as reivindicacións do colectivo tras as mobilizacións.
Os sindicatos reclaman un acordo que abarque seis cursos para profesionais con máis dun ano en servizo, así como melloras das condicións laborais para tratar de igualalas ao profesorado funcionario e das retribucións.