"A situación é moi grave", denuncia Xosé Antón Bao desde o BNG lugués, lembrando que é inevitábel vencellar o control sobre todo o proceso de realización de obras da deputación de Lugo que asumía a empresa intervida polo xulgado co "evidente" défice de calidade das infraestruturas viarias da provincia. De paso, Bao lembra que o Bloque fixera xa, na altura de 1996, denuncia do trato de privilexio por parte de Francisco Cacharro a determinadas empresas no proceso de adxudicación de contratos.
"Isto tén unha incidencia clara na escasa calidade da obra pública promovida pola deputación", reflexiona o voceiro do BNG na deputación luguesa. Xosé Antón Bao Abelleira opina que "hai exemplos abondo ao largo da provincia" do mal estado da rede viaria e que as prácticas que agora están en primeira plana "de eliminación da competencia e da concorrencia pública doutras empresas" necesariamente houberon de influír na situación das estradas provinciais. Por este motivo, os nacionalistas consideran que os encausados "puideron certificar nos últimos vinte anos obras que non cumprían cos estándares mínimos de calidade e materiais establecidos".
"Está claro que non se estaba garantindo a calidade das obras", láiase Bao Abelleira, subliñando que hai dez anos que se viñan realizando denuncias ao respecto e que nas últimas semanas o mal estado dos viais fora asunto traído outra vez á actualidade polos nacionalistas. As denuncias inclúen asfaltados incompletos, arranxos deficitarios ou amaños en vías que ao pouco tempo volvían presentar un estado claramente defectuoso. "Tiñan o control absoluto das obras en todo o proceso: desde a adxudicación do proxecto e a dirección de obra, até o informe de valoración da empresa que a realizase e mesmo o trámite final da súa certificación", explica Bao en referencia ao protagonismo neste escenario do xefe do servizo de Vías e Obras da institución provincial, Alberte Fernández Pereira, e o anterior responsábel do departamento e agora xubilado, Xosé Manuel Romay López, ambos os dous detidos e en liberdade baixo fianza de 18 mil euros. "Estívose facendo un claro desbalde de fondos públicos", critica ao subliñar que "non se garantiu a calidade das obras"
Desde o BNG de Lugo pregúntanse tamén por que a xustiza tardou tanto tempo en actuar cando está quedando claro que a percepción social era clara sobre "o niño de corrupción e caciquismo que vén sendo a deputación de Lugo gobernada por Francisco Cacharro" e que "non foi unha sorpresa" a actuación realizada a pasada semana. "As prácticas agora investigadas levan producíndose máis de dez anos e xa foran denunciadas polo BNG en repetidas ocasións desde o ano 1996", lembran, indicando que en 2004 o daquela voceiro do Bloque na deputación, Fernando Blanco, entregáralle ao fiscal Jesús María Izaguirre toda a documentación da que dispoñía ao respecto desta situación. Bao insinúa que o acontecido tén que ver tamén coa "decadencia política de Cacharro".