Á volta da xuntanza entre CiU, PNV e BNG, o líder do Bloque e Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, defendeu en entrevista para a RNE o papel das forzas políticas nacionalistas como "garantes de estabilidade, responsabilidade e compromiso cos seus países". Quintana dixo ver boa disposición desde o executivo español á colaboración con estas forzas políticas e sinalou que "sería bo que o BNG participara na gobernabilidade do Estado para que a acción do Goberno en Madrid tivera máis en conta a Galiza".
Nese sentido, o vicepresidente dixo considerar "un problema" que o BNG non participe na gobernabilidade do Estado, aínda subliñando que "non é un problema para o BNG" e precisando que "non é bo para Galiza, que está perdendo unha oportunidade que o goberno do Estado non lle debería quitar". Nesa liña comentou que Galiza pode sumarse "a ese proxecto de gobernabilidade do Estado", escenario que na súa opinión "sería bo para a política do Estado, pero tamén para Galiza".
Diante dos micrófonos de Radio Nacional Española, Anxo Quintana indicou que o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, "sabe que hai unha proposta neste senso do BNG sobre a mesa", e comentou que "é decisión de Zapatero que ese acordo se produza". Quintana dixo que o Bloque só vai poñer "unha condición", que "Galiza estea enriba da mesa de discusión". Quintana exemplificou esa perspectiva co debate aberto sobre a Lei de Dependencia onde Galiza non se puido incorporar ao consenso "porque non había unha relación bilateral entre o goberno do Estado e a Xunta". Así, destacou que "é importante que se tivera tomado a decisión de iniciar esa negociación bilateral" e que esta mesma semana delegacións do ministerio de Traballo e a Vicepresidencia da Xunta comezarán o diálogo.