Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXENDA DE LECER

Letras "em movimento" e moito máis

O Festival Em Movimento lémbranos que o Día das Letras non é só o 17... A lingua merece unha festa todos os días do ano, e para demostralo, nada mellor que un festival da música, das radios libres, das ideas e da cultura. Ademais de pasar o sábado por Oleiros para seguir festexando as letras, non podemos descoidar o Festival da Marosa en Burela, o do Salmón na Estrada, ou as carpas da Cultura Circula no Porriño e Boiro. Para os máis apousados, a obra de teatro de Isabel Coixet no Auditorio ou o concerto de Amadou & Mariam en Vigo son boas alternativas.

- 13:41 19/05/2006
Tags:

Seguimos dándolle a lingua: Non deixamos de celebrar as nosas Letras ao longo do ano. Logo dunha semana ateigada de actos de todo tipo, Oleiros acolle o festival Em movimento este sábado: a Coordenadora Galega de Centros Sociais, o Movimento Defesa da Língua e a Asociaçom Galega da Língua (AGAL) organizan un festival que vai encher o Parque Luís Seoane de Oleiros de concertos, conferencias, teatro, poesía e actividades para rapaces, co apoio da Concellaría de Deportes e Normalización Lingüística do Concello de Oleiros. Ás once, a Banda de Gaitas Xaramago da AA.VV. Santaia inaugura o festival. Trala foliada, lerase o manifesto "Galiza é o nome do País", e despois de xantar escoitaremos aos pandeireteiros e pandeireteiras dos centros sociais galegos, un recital de poesía, e gozaremos da globoflexia de Nilsom Leite, xogos populares e o teatro de rúa do grupo ourensán As Esmorganas. Ás catro presentarase a "Plataforma para a Recepçom das Rádios e TVs portuguesas na Galiza", e ás cinco haberá un novo recital de poesía e unha conferencia do sociolingüista Maurício Castro. Ás sete actúan Servando e Contradança, coa súa música popular, e o catedrático Martinho Montero Santalha, dá na súa conferencia razóns para o reintegracionismo. Xa ás dez, concertazo co hip hop dos pontevedreses Trasnos de Moscoso, o hardcore dos estradenses Nao, Skárnio, ska dende Vigo, a quen puidemos escoitar (sen amplificación, debido a un corte de luz) na Festa da Gentalha en Compostela o sábado pasado, e A Banda de Poi. Tamén é o momento de xuntárense as radios libres galegas: a Piratona de Vigo, a compostelá Kalimero, Cuac FM da Coruña, a ferrolá Rádio Filispim e Rádio Clavi dende Lugo. Pola mañá, de dez a dúas, terá lugar a Asemblea da Agal, e ao longo de todo o día desenvolverase a "Feira das palavras e das ideias", na que teñen posibilidade de participar todas as asociacións que apoian o festival. Está habilitado o pavillón Arsenio Iglesias para durmir, e faranse churrasco, carne ao caldeiro e polbo a prezos asequíbeis... Non hai excusa!

O primeiro festival do verán...
... É xa esta fin de semana: despois virán os inexcusábeis Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, o 3 de xuño, pero o verán declárase oficialmente inaugurado coa Festa da Marosa, en Burela, xa pola súa X edición: o grupo local (que vén de Mozambique) Batuko Tabanka, a formación folc Fía na roca e as Ferreñas actuarán o venres, e o sábado tócalle aos gañadores do Certame Folc Radio Obradoiro, Dani Bellón e Diego Maceiras, ás pandeireteiras de Leilía, á Compañía do Ruído e ás Garotas da Ribeira. Música para gozar nunha das mellores praias da costa luguesa. Para non perdelo...

A lura que non para
A lura Marula segue facendo circular a cultura, desta volta en Boiro e no Porriño: o venres poderemos escoitar á Orquestra Nacional do Berbés, o novo proxecto de Narf, cos mozambicanos Timbila Muzimba, Bumba, e a Leilía na carpa de Boiro. Ao día seguinte estarán no Porriño Mercedes Peón, Berrogüetto e o artista Rachid Taha. Todo adubiado co espectáculo de Pistacatro, Artrix, o Tentacular de Chévere ou o Circo-lar de Berrobambán, aEducaación de Lilith, o Arredemo Lab, proxeccións audiovisuais...

Punk nos muíños e jazz en Compostela
Na Sala Dzine, de San Sadurniño, poderemos asistir ao concerto do grupo ferrolán Unión Costa Oeste o venres 19 a partir das 00:00. E da mestura de blues, jazz, samba ou bossa nova pasamos aos ritmos balcánicos dos coruñeses Potemkin, o sábado á mesma hora
Xa en Vigo, na Iguana, actúa Jiménez del Oso cos Iribarnes, o sábado ás 00:30 (3 €).
Na Sala Woodstock, en Portonovo, actuarán a partir das once do venres The Homens e The Lorchas. A entrada custa 3 €, pero paga a pena por unha boa sesión de power pop en estado puro. No Aturuxo de Bueu poderemos escoitar este domingo o rock and roll de Phantom, a partir das 21:30. A entrada custa 5 €.

Nos pubs composteláns teremos música para todos os gustos: Xosé Antonio Perozo presenta Espérame o venres ás 21:30. Para recrear o ambiente de cabaret que enchoupa a súa novela, nada mellor que a gastada voz de Dorotea Bárcena, a música de Jordanairs, e o mítico jazz club Dado Dadá como escenario. Ás dez poderemos escoitar a The Majestics no Ambigú.

E nas Pontes, este venres, ás 21:00, no auditorio Municipal Cine Alovi, Xavier Díaz presenta as súas "Músicas de salitre"
No Clavicémbalo de Lugo, poderemos coñecer o traballo da Escola de Música Aulós este venres, e a paixón do flamenco con Adiquerando o sábado pola noite.

E teremos punk rock na Mardi Gras coruñesa: o venres ás 22:00, por 9 € (7 anticipada) bailaremos pogo cos asturianos Mala Reputación ou os coruñeses Dakidarría. O sábado ás 22:30, por 3 €, coñeceremos aos pontevedreses Drama, próximos ao que se deu en chamar Post Emo Rock.

Se nos achegamos a Carreira, parroquia do Concello de Ribeira, asistiremos a unha auténtica muiñada da man da Asociación Altofalante: os muíños do Vixán acollerán unha festa na que non han faltar actuacións coma a do Leo i Arremecághona!!!

No Centro Sociocultural Caixa Nova poderemos escoitar o sábado, ás 22:30, o blues e reggae da parella maliana Amadou & Mariam. Os prezos van dos 13 aos 18 €, segundo localidade, e as entradas pódense ir obtendo a través da web de Caixanova.

Cantautores frustrados, danza e moito máis
Poderemos gozar do mellor humor con Quequé, famoso polos seus monólogos en 'El Club de la Comedia' e a súa participación en 'La noche de Fuentes y Cía.' ou 'Noche Hache.' Agora presenta o seu espectáculo ?Quero ser cantautor.' O venres estará na sala compostelá Capitol, a partir das 22:30, e o sábado no Playa Club coruñés, ás 23:00 (anticipada 10 €, 12 na billeteira).

Na Sala Nasa compostelá poderemos ver o espectáculo de Disque Danza o venres e sábado ás 22:00 (8 €, 6 para estudantes e persoas no paro e 3.5 para a tripulación). Os mesmos días poderemos ver a montaxe de Teatro do Atlántico sobre textos de varios poetas na Sala Yago: Lembrando 1936, un recordatorio para unha guerra que non se pode esquecer, será representada o venres ás 20:30 e o sábado ás 22:30 (9 €, 6 con carné xove ou de xubilado). A mesma Yago continúa coas súas representacións de títeres para os máis pequenos, como todos os domingos ás 12:30, desta volta con O oviño de ida e volta.

E no Auditorio, o sábado ás 21:00 teremos a oportunidade única de ver a montaxe de Isabel Coixet inspirada na novela de Helene Hanff, 84 Charing Cross Road. Podemos obter as entradas, a 9 €, a través da web de Caixanova. Por último, o Teatro Principal acolle a montaxe da aula de teatro da Universidade da Coruña, Himmelweg, ás 21:00 do domingo.

Lagarta Lagarta segue a darlle voltas á súa Carambola, desta vez no Teatro Principal de Ourense (venres e sábado ás 20:00) e no Centro Sociocultural de San Sadurniño, o domingo ás 19:30. Sarabela Teatro presenta A gata con botas na Casa da Cultura do Esteiro, en Vilanova, o sábado ás 20:00. Mentres, Teatro do Adro leva o seu García á Casa da Cultura de Boiro, o venres ás 21:00. Outras citas teatrais para o venres son con Áncora Producións e Final de película, no Auditorio Municipal do Carballiño ás 22:30, e co Tartufo de Teatro de Ningures, no Novo Salón Teatro de Lalín ás 21:30. O pub La Pecera de Vigo pecha o seu ciclo de monologuistas e contacontos, co que vén celebrando o Día das Letras dende hai tres semanas, con Cándido Pazó: actuará o sábado ás 22:30, e a entrada custa 5 €. Para o sábado, poderemos ver O Faro, de Fulano, Mengano e Citano no Salón de Actos do Concello de Cee ás 20:30, e Bicos con Lingua, de Talía Teatro, no Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, ás 21:30. No Auditorio Municipal das Pontes, o sábado ás 21:00, o grupo de teatro afeccionado Pontés O Catre presenta A Cigoña, dirixida por Pepablo.

Cinema experimental e curtas da casa
O Forum Metropolitano da Coruña segue acollendo proxeccións coma as deste venres e sábado: na Sala Fernando Rey continúase co cinema francés baixo a ocupación, c'O corvo (Le corbeau), de Henri-Georges Clouzot, e na Marilyn Monroe, Samsara, de Pan Nalin. No Laboratorio de Movementos, na Rúa do Medio compostelá, poderemos coñecer a obra do rompedor Bonakovski co filme O anxo, este venres.

Entrementres, o Teatro Municipal da Área Panorámica de Tui continúa as súas proxeccións: Bahía mágica será proxectado ás 20:00 para o público infantil, e El señor Ibrahim y las flores del Corán, ás 22:00 (a entrada custa 1 €).

E a Casa da Xuventude de Ourense non para: ademais dun match de improvisación o venres ás 23:00, e de continuar co VIII Concurso de Contos hipercurtos, o sábado serán proxectadas as curtametraxes galegas Despierta, Parking, Voando, O Avó, Timofónica, Migrations, Ecos e Mujeres en contra, a partir das sete.

E salmón na Estrada
Os sibaritas culinarios e apaixoados do motor están de sorte: a Festa do Salmón da Estrada celebra esta fin de semana, 20 e 21 de maio, o seu trinta e tres aniversario. O domingo ás doce, no Teatro Principal, a actriz e presnetadora Uxía Blanco lerá o pregón, e entregaranse os salmóns de ouro, este ano á Confederación Galega de Minusválidos, Cáritas Parroquial da Estrada, e o empresario Manuel García Valcárcel. Mentres, nos xardíns do Concello, por un prezo de 2 €, poderemos gorentar delicioso salmón cociñado de xeitos diversos. Ao longo da xornada concentraranse coches antigos, e ademais motos clásicas este ano. Os máis pequechos tamén poderán gozar das actividades de Diversalmón, e haberá exposicións de filatelia, artes de pesca, e os traballos das mulleres rurais, ademais da música nas rúas e deporte.


5/5 (1 votos)