A presenza do accionariado galego en Unión Fenosa vén de reforzarse logo de saberse que o presidente de Fadesa, Manuel Jove Capellán, incrementa a súa participación en Unión Fenosa até o 5,011%, segundo comunicou hoxe a Comisión Nacional do Mercado de Valores. O maior empresario inmobiliario galego convértese así no terceiro accionista da compañía eléctrica, na que entrou o ano pasado cun 3,8 por cento do capital e xa coa intención de acadar o 5% a curto prazo. O valor actual de mercado da participación que dende hoxe ten Jove é de 455,3 millóns de euros, no prezo ao que chegaron onte as accións de Fenosa, de 29,82 euros por título.