No curso 2006-2007 renovarán libros de texto todos os centros de educación primaria e do 2º de Ensino Secundario Obrigatorio, ao tempo que o programa de gratuidade dos libros escolares se estende ao 4º curso da ESO. O Consello da Xunta deste xoves aprobou así a extensión do programa de subvencións que garante os textos para os rapaces a través dun sistema de préstamo. Ao tempo, coñécese que o ministerio de Educación decidiu atrasar un ano a introdución da nova Lei Orgánica de Ensino.
Será un investimento total de 10.8 millóns de euros o que asumirá a administración educativa para a extensión do programa de gratuidade de textos para o alumnado dos centros de ensino públicos de Galiza. No próximo curso 2006-2007, a iniciativa cubrirá xa toda a educación primaria e os cursos 2º e 4º da educación secundaria obrigatoria. Para máis adiante queda a súa extensión ao 1º e 3º curso da ESO. O importe das subvencións en Primaria vai dos 119 euros para o 1º curso até un máximo de 145 euros en 5º e 6º curso. Mentres, na Secundaria, as cantidades serán de 223 euros para o 2º curso e de 238 euros para 4º.
Na mesma xornada, desde o ministerio de Educación chegaba a confirmación de que a LOE vai entrar en vigor no curso 2007-2008, no treito final da lexislatura actual e atendendo ás demandas realizadas polas comunidades autónomas que lle pediran ao executivo español máis tempo para a introdución definitiva das reformas necesarias para a adaptación ao novo marco lexislativo. Así o anunciaba a ministra Mercedes Cabrera logo da xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación, á que asistiron os conselleiros da área de ensino dos respectivos executivos autonómicos. Deste xeito, en 2008 a LOE deberá estar funcionando en todos os centros, aínda que nese curso só no treito de 1º e 2º de Primaria e en 1º e 3º da ESO. En 2008-2009 ampliaríase a 3º e 4º de Primaria e 2º e 4º de ESO, e un curso máis tarde ao total de aulas até complentar no prazo de cinco anos a aplicación completa da nova lei.