"Na sede do PSOE vanlles informar por igual", remitía o presidente da Deputación, Francisco Cacharro, aos xornalistas, insinuando un presunto acoso político promovido polos socialistas. Mentres, desde a dirección do PPdeG, o vicepresidente Xosé Manuel Barreiro defendía que "só hai funcionarios" implicados e ningún político, aínda que Alberte Núñez Feijoo recoñecía tacitamente que o asunto lles afecta aos populares pero poñía distancia co territorio cacharrista. Mentres a última hora de onte, e alén dos sete detidos e as dúas novas ordes de arrestoo fiscal anunciaba a próxima detención para unha décima persoa. Desde a dirección socialista escollían a "prudencia" sobre o caso e desde o BNG pedían que a investigación se amplíe a toda a provincia.
A última hora do xoves, a fiscalía luguesa confirmaba a orde de detención para unha décima persoa pola fraude atribuída na adxudicación de obras da Deputación de Lugo e subliñaba que a operación continúa aberta e que alén dos rexistros xa realizados na propia sede da Deputación, na consultoría Senén Prieto e na sede da empresa Cetramur, podería haber a curto prazo outros rexistros.
Lembrámoslles que a operación partiu da denuncia pública realizada polo grupo do PSdeG na deputación luguesa, desde onde o seu voceiro, Manuel Martínez indicaba a súa convicción de que "pode haber intereses do PP para que a situación se mantivera tapada como ata o de agora". A institución adxudicáballe o 90% das obras a esta empresa, Senén Prieto Enxeñería, coa que están vencellados todos os detidos e onde a policía se incantou de documentos diversos. O operativo incluíu tamén a Setramur, empresa ubicada no polígono lugués do Ceao e adicada ao material urbán e na propiedade da cal estaba integrado outro dos funcionarios detidos e que era tamén privilexiada nos contratos da Deputación.
Só "algúns funcionarios", din desde o PPdeG
"Non lles vou falar sobre este tema e se queren pregúntenlle ao fiscal ou mesmo na sede do PSOE, onde lles informarán por igual". Velaí toda a resposta que lle mereceu ao presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro, a operación promovida polo fiscal xefe da Audiencia Provincial de Lugo e que de momento levou xa á detención de dez persoas, funcionarios e ex funcionarios, pola súa presunta implicación na adxudicación de obras de xeito irregular por parte da institución. Lembrámoslles que Cacharro tén realizado nos últimos tempos belixerantes declaracións sobre a actuación do fiscal xefe lugués que impulsou a investigación doutras presuntas irregularidades protagonizadas por políticos varios do PPdeG lugués.
O vicepresidente do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, que mantén un pulso con Cacharro polo poder no PP provincial e aspira a ocupar o seu sillón deputacional, laiábase da "espectacularidade mediática" da intervención e comentaba ao xeito de Cacharro que "as actuacións da fiscalía céntranse demasiado en persoas do PP con responsabilidades institucionais". Con todo, Barreiro recoñecía a satisfacción porque na operación, deica agora, "non hai ningún político implicado" e "só foi dirixida a algúns funcionarios".
Mentres, en plena campaña de afiliación do PPdeG por terras do sur lugués, o presidente do partido, Alberte Núñez Feijoo, evitaba afondar no acontecido pero avaliaba que "as últimas sentencias nas que se viron involucrados militantes do PP de Madrid" fano crer "no funcionamento e na independencia do poder xudicial".
Niño de corrupción e caciquismo
"É o final dunha longa, triste e escura historia na que a Deputación de Lugo se converteu, da man do PP e do señor Cacharro, nun niño de corrución e caciquismo", denunciou Xosé Antón Bao Abelleira, voceiro do BNG na Deputación. Bao laiouse de que a trama descuberta "leva ao descrédito á Deputación e dá unha imaxe lamentábel de Lugo en todo o Estado". Ao tempo, afirmou que o acontecido é exemplo de que as deputacións "convertéronse en institucións anacrónicas e inservíbeis".
Neste escenario, o grupo do Bloque na deputación luguesa pediu que a investigación da fiscalía vaia alén da deputación e se investiguen "as súas ramificacións en moitos concellos da provincia nos que tamén operaba a empresa Senén Prieto Consultoría". Bao Abelleira dixo estar seguro de que "tirando do fío" vaise atopar "a rede clientelar montada polo PP e o señor Cacharro na provincia desde hai máis de 20 anos".
Pídenlle a Feijoo "responsabilidades políticas"
"É críbel a existencia dunha trama que imputa supostamente a un certo número de funcionarios, ex funcionarios e xefes de servizo dunha institución como a Deputación provincial de Lugo omnimodamente controlada polo seu presidente e polo PP sen que este partido tivese o mínimo coñecimento do que alí acontecía?", preguntábase Francisco Jorquera, coordenador executivo do BNG, subliñando ao respecto que "urxen as respostas e a asunción de responsabilidades políticas"
Jorquera pedía especificamente que "para non crear sombras de sospeita" a dirección do PpdeG explicase se a postulación de Xosé Manuel Barreiro como candidato á presidencia da Deputación de Lugo "ten algo a ver co aparecimento de indicios claros de corrupción no organismo". O tamén senador nacionalista dixo agardar que os interrogantes "sobre os móviles e a lóxica que subxace detrás da trama" sexan esclarecidos no ámbito xudicial, pero subliñou que no ámbito político "cabe agardar a asunción de responsabilidades por parte do partido que está a gobernar a institución", emprazando ao presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, a que o partido "depure as responsabilidades políticas que houber lugar".