No Día das Letras a Consellería de Cultura e Deporte bota a andar un novo proxecto para dar a coñecer e promover o libro galego e a lectura, esta vez en forma de revista. 'Praza das letras' servirá como referencia da actualidade, información útil e análise sobre o sector do libro. Prevese que en pouco tempo estea en funcionamento a web que, co mesmo nome, acollerá as actividades e novidades relacionadas coa lectura en Galiza. Polo de agora pódese descargar este primeiro número da revista en formato PDF.
A revista conta con seccións de análise e de noticias breves, nas que figurarán contidos relacionados con novidades editoriais e tamén sobre diversos enfoques para achegarse á lectura e ao libro en galego. Tamén inclúe información útil sobre recursos en Internet; así como unha sección que recolle os perfís de persoeiros da cultura. Neste primeiro número, a revista presenta entrevistas á conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e ao ilustrador Kiko da Silva.
Praza das letras distribuirase en bibliotecas, librerías, colexios, feiras do libro e, neste primeiro número que coincide co Día das Letras Galegas, nas rúas de Santiago de Compostela. Precisamente, desta vez inclúe un especial informativo sobre a figura de Manuel Lugrís Freire, o homenaxeado na edición deste ano. Outros temas que se tratan neste número son a Lei do Libro, que entrará en breve no Parlamento, así como os libros relacionados coa recuperación da memoria.