A Asociación Cultural BD Banda cumpre este 17 de maio o seu quinto aniversario coa presentación dun número especial da súa revista e a celebración dunha mesa redonda sobre a situación da banda deseñada en Galiza. Así, o Consello da Cultura Galega acollerá este martes os actos da celebración do aniversario do colectivo presidido por Kiko Dasilva. Segundo a asociación, moitas cousas mudaron desde a publicación do primeiro número de BD Banda, por medio, premios, publicacións, encontros, un lote de iniciativas e moita xente involucrada nun proxecto que este Día das Letras cumpre o seu quinto ano de existencia.
Víctor Rivas, Miguel Robledo, Henrique Torreiro, David Rubín, Hugo Covelo, Bernal, Kiko Dasilva, Andrés Meixide e Manel Craneo serán os participantes na mesa redonda sobre a evolución da Banda Deseñada en Galiza coa que BD Banda celebra o seu quinto aniversario. O acto, que se celebrará na biblioteca do Consello da Cultura Galega desde as 5 da tarde, gravarase en audio para ser retransmitido despois a través da rede.
BD Banda presentará tamén un número especial da súa revista realizada co gallo do Saló del Cómic de Barcelona, principal evento na península no sector e que o ano pasado os distinguiu co premio ao mellor fanzine do Estado, recoñecendo así o traballo que desenvolve en galego toda unha xeración de autores. Este número especial é unha recompilación das mellores historietas publicadas no fanzine galego e que serán presentadas por primeira vez en castelán. Son cen páxinas a toda cor cunha portada especial firmada por Miguelanxo Prado e textos de destacados profesionais do sector, como Carles Santamaría, director de Ficómic, Álvaro Pons, de La cárcel de papel ou Maikel, de El Jueves e director da revista Míster K. Conta tamén cun extenso reportaxe sobre os últimos cinco anos do cómic galego elaborado por Germám Ermida, xornalista de culturagalega.org