Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANUNCIAN QUE A PRÓXIMA MANIFESTACIÓN DOS VECIÑOS SERÁ EN SANTIAGO

Máis dun milleiro de muxiáns mobilízanse para que a piscifactoría vaia a Touriñán

"Hai que protexer os toxos antes que os traballos para a xente da zona?". Tal foi o argumento do alcalde de Muxía, o popular Alberte Blanco, este fin de semana en Muxía, asegurando que en Touriñán "non hai flora nin fauna que protexer, só pasto e toxo". Entre un e dous milleiros de veciños do concello acudiron á manifestación en favor de que se lle permita a Pescanova construír a piscifactoría de rodaballo en zona protexida a pé da costa.

- 07:01 15/05/2006
Tags:

O rexedor de Muxía falou esta fin de semana en nome dos veciños que asistiron á concentración a prol do proxecto acuícola no Concello, acusando ao goberno galego de "ignorar a realidade social e económica dunha zona deprimida que precisa investimentos que xeren emprego e riqueza para os seus habitantes". "Somos respectuosos co medio ambiente, pero non queremos que se xogue co futuro da comarca", afirmou Alberte Blanco.

No acto convocado en Muxía asistiron tamén os alcaldes de Corcubión, Fisterra, Zas e Cee, ademais de concelleiros do PPdeG de toda a zona. Tamén o voceiro do PSdeG no propio Concello de Muxía, malia que o grupo socialista da comarca, que inicialmente anunciara a súa intención de apoiar a manifestación, non estivo finalmente representado. Segundo o alcalde popular, a piscifactoría de Pescanova contaba con informes favorábeis de todas as administracións.

En Muxía estivera anteriormente o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, quen reivindicou o papel de acuicultura como "motor de desenvolvemento económico e de xeración de emprego no litoral galego", subliñando especialmente o seu potencial na Costa da Morte "que de acordo co Plan de parques de tecnoloxía alimentaria desenvolvido polo PPdeG estaba chamada a converterse na capital mundial desta actividade".

En visita ao Concello acompañado de Henrique López Veiga, ex conselleiro de Pesca, Feijoo acusou o executivo de "actuar coma un goberno paralítico, que non só non impulsa iniciativas novas, senón que paraliza as que están en marcha". Na súa opinión, "a Xunta actual está espantando os posíbeis investidores foráneos que tivesen intención de acometer proxectos industriais en Galicia e, o que aínda é máis grave, acosando ás empresas galegas".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: