Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DAS CRÍTICAS AO PROXECTO DE "GALESCOLAS" INFANTÍS

Vicepresidencia pídelle ao PPdeG que apoie a normalización do galego nas escolas

"Educar en galego e para os galegos e as galegas do século XXI", foi unha das ambicións destacadas polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a secretaria da Igualdade, Carme Adán, na presentación esta fin de semana da nova rede galega de escolas infantís públicas. En declaracións a Europa Press, a deputada do PPdeG Pilar Rojo amosouse escéptica sobre a iniciativa pedíndolle ao executivo que "non convirta estas aulas en bloquescolas ou ikastolas". Ao respecto e ás portas do Día das Letras, desde o goberno galego animan aos populares a "participar sen complexos e sen prexuízos neste importante proxecto" e pídenlles que esquezan "a estratexia da bronca" promovida pola dirección do partido en Madrid.

- 07:00 15/05/2006
Tags:

A nova rede galega de escolas infantís, para o treito de até tres anos de idade, vai crear até 99 centros en toda Galiza: 32 delas na provincia da Coruña, 17 na de Lugo, 18 en Ourense e 32 na provincia de Pontevedra. Será un investiment de 29 millóns de euros, cun total de 5.490 novas prazas para nenos e nenas menores de 3 anos, incremento do 63,8% respecto a 2005, co que en 2007 haberá 14.089 prazas. A iniciativa, bautizada "Galescola", xerará 990 postos de traballo directos.

"Esta rede simboliza e acumula os tres pilares básicos da aposta do goberno galego polas políticas sociais: calidade, identidade e compromiso de país", explicou o Vicepresidente da Xunta. Anxo Quintana destacou a función desta rede de escolas como exemplo de que toda a cidadanía "teña o mesmo nivel de benestar e as mesmas dispoñibilidades de servizos, vivan onde vivan", destacando o compromiso coa creación dos centros non só no contorno dos núcleos de maior poboación, e "rematando coa división de Galiza en cidadáns de primeira e de segunda, uns con todos os servizos e oportunidades e os outros con nada". Na opinión de Quintana "as Galescolas van contribuír a rachar o círculo vicioso da destrución territorial de Galiza" dándolles as mesmas oportunidades e servizos ás zonas rurais. Carme Adán destacou que serán "boas escolas, con máis servizos e con mellor oferta educativa e pedagóxica", indicando que a identidade será outra das premisas básicas de traballo, "baseándose na educación na tolerancia, no respecto e na imaxinación, ademais de educar en galego e para os galegos e as galegas do século XXI".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: