Vilagarcía de Arousa e Campo Lameiro son cita para os congresos locais do PPdeG esta fin de semana, mentres o partido adía na axenda outros requerimentos congresuais, caso do de Lugo, máis delicados. Mentres, os populares seguen a campaña de afiliación "Hai partido, xogas?" que leva a carpa estes días a Redondela e Chantada. Esta última localidade luguesa é precisamente exemplo da estratexia lanzada polo PSdeG para reforzar posición en pequenos concellos e buscar o pacto cos independentes, desta volta integrando unha escisión do BNG local. Ao tempo os socialistas tiñan unha primeira xuntanza esta semana para definir a estratexia para a provincia de Ourense. Mentres, as asembleas locais nacionalistas confirmaban a Henrique Tello e Néstor Rego como candidatos ás alcaldías da Coruña e Santiago.