Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MALIA SER GALIZA A COMUNIDADE CON MAIOR PRODUCIÓN

O centro estatal de I+D eólica vai para Cádiz

O conselleiro de Innovación da Junta de Andalucía anunciou a semana pasada que Cádiz acollerá o centro de referencia estatal en investigación e desenvolvemento sobre enerxía eólica. O proxecto vaise concretar a través dun acordo co ministerio de Industria aínda sen asinar. Lembrámoslles que agora mismo a nivel estatal Galiza é a comunidade con maior nivel de produción de enerxía eólica, e que por tras dela están as comunidades de Castela León e Castela-A Mancha. Xuntas, estas tres comunidades producen máis do 60% do total eólico do Estado. A nova chega pouco despois de que desde Industria anunciasen o recurte da cota eólica para Galiza.

- 06:57 10/05/2006
Tags:

Cádiz sera sede estatal dos estudios en I+D sobre a enerxía eólica, segundo anunciaba o mércores pasado Francisco Vallejo, conselleiro de Innovación, Ciencia e Tecnoloxía da Junta de Andalucía. Vallejo anunciou que o proxecto estase rematando de deseñar xunto co ministerio de Industria. Desde o seu gabinete explican que a iniciativa é aínda un borrador, malia que xorde coa intención de convertirse en centro de referencia a nivel estatal no ámbito da enerxía eólica e trabállase no seu deseño en coordinación coa administración estatal.

A provincia gaditana é a zona onde se concentran os proxectos eólicos en funcionamento na comunidade andaluza, e Tarifa, área con amplo potencial eólico polos seus ventos, é en principio o lugar escollido para a construción desde centro de investigación. A consellaría andaluza agarda que as empresas do sector se impliquen no proxecto e cavilan que se integre nun centro científico máis amplo vencellado coa explotación dos recursos naturais andaluces. De xeito específico, o actual centro de coñecemento sobre enerxías renovábeis desa comunidade será o encargado de coordinar os traballos do futuro centro eólico. Tanto desde a administración andaluza como a nivel dos axentes sociais, especialmente da área gaditana, veñen subliñando a importancia estratéxica da aposta pola enerxía eólica como elemento dinamizador da economía da zona. O goberno andaluz cavila o impulso na súa rexión doutros centros tecnolóxicos vencellados a outras concentracións de empresas arredor de actividades concretas, coma é o caso do sector pesqueiro.

Andalucía fora no seu momento pioneira na introdución de proxectos eólicos no seu territorio, aínda que o seu desenvolvemento foi máis lento ca no resto do Estado e na actualidade a nivel de comunidades autónomas ocupa o sexto lugar da lista en canto a potencia eólica instalada. A comunidade andaluza pechou 2005 cun total de 34 parques eólicos que suman unha potencia total instalada de 545.78 MW, apenas un 5.5% de crecemento durante ese ano. Cara ao 2010, o Plan Enerxético de Andalucía cavila a instalación de novos parques en Cádiz, Granada, Málaga e Almería, cun crecemento de 4.000 MW adicionais, con investimentos estimados de máis de 3.500 millóns de euros. Para a provincia granadina acordouse recentemente a instalación de até 41 novos parques até 2010, por un valor de 500 millóns de euros e unha capacidade conxunta de 520 megavatios adicionais. Na axenda enerxética andaluza está tamén a posibilidade do despregue de parques eólicos mariños.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: