Máis de dez mil traballadores do metal agardaban esta mañá diante dos xulgados de Vigo a saída dos trece traballadores detidos onte nos altercados producidos no centro da cidade. Os trece detidos xa están en liberdade, a maioría deles con cargos, mentres que se agarda que a primeira hora da tarde abandonen os xulgados o resto do arrestados, que aínda fican na Sección cuarta da Audiencia Provincial en Vigo. Deste xeito, as negociacións deberían retomarse aínda que os sindicatos seguen a esixir a dimisión do Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, logo da "desproporcionada" carga policial de onte. Pola súa parte, Pérez Touriño reclamou hoxe en Santiago un "máximo esforzo de diálogo para procurar unha saída pactada e concertada ao conflito".
Esta quinta xornada de mobilizacións desenvólvese sen incidentes destacábeis, salvo as lóxicas retencións no tráfico causadas pola marcha dos manifestantes ata os xulgados, onde nestes intres agardan a posta en liberdade dos seus compañeiros. Os sindicatos, que esixían como condición para retomar as negociacións a liberación dos detidos, consideran que a carga policial foi "desproporcionada" e por iso pedíronlle explicacións a Delfín Fernández na reunión que mantiveron onte na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. CIG, CCOO e UXT, que hoxe convocaron a case 15.000 traballadores do metal diante do Concello de Vigo, esixen polo tanto a dimisión do Subdelegado do Goberno e incluso a da alcaldesa de Vigo, Corina Porro. Os representantes sindicais tamén anunciaron que a convocatoria de folga total do sector para o próximo xoves segue en pé. Este paro afectaría a empresas con convenio propio como Citroën ou Barreras.
Touriño reclama diálogo
O presidente da Xunta, reclamou hoxe "diálogo e responsabilidade" co fin de rematar cos altercados e enfrontamentos provocados pola folga do metal. Logo de intervir nun seminario sobre a Comunidades Autónomas e o Dereito Comunitario co gallo do día de Europa, Touriño, en declaracións aos medios, reclamou "o máximo esforzo de diálogo para encontrar unha saída pactada e concertada do conflito" coa fin de que a cidade de Vigo retome a súa normalidade.
O BNG esixe explicacións e a "depuración de responsabilidades"
A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego ven de condenar a carga policial producida onte, lembrando que o método de resolver os conflitos sociais é a negociación non é a "violencia policial". Deste xeito, o BNG expresa o seu apoio aos traballadores en folga e demanda explicacións formais ao Ministerio de Interior así como a "depuración de responsabilidades" nas institucións responsábeis da carga, en referencia a Delegación do Goberno. Nesta mesma liña o deputado do BNG, Bieito Lobeira, preseuntou unha iniciativa parlamentaria na que denunciou a "brutalidade policial" das forzas de seguridade e o feito de que os detidos ficaran máis de oito horas nas dependencias policiais sen acceso ao exercicio do seu dereito a contaren con asistencia letrada. Lobeira quere que se faga pública a información da que dispón a Xunta sobre os enfrontamentos: de quen partiu a decisión da carga policial, se se vai pedir a depuración de responsabilidades e se se vai solicitar, formalmente, explicacións ao Goberno español.