Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECIMOQUINTO PAÍS EN ACEPTAR A CARTA MAGNA

Estonia ratifica a Constitución Europea no Día de Europa

Estonia convirtese hoxe, no día de Europa, no decimoquinto estado da Unión en aceptar a Constitución Europea. Foi precisamente nun 9 de maio de 1950 cando se propoñía en París a creación dunha institución europea supranacional que administrase de forma conxunta o carbón e o aceiro, marcando deste xeito o inicio da Europa Comunitaria. En Galiza, a Fundación Galicia Europa conmemora esta data coa celebración dunha xornada titulada "As Comunidades Autónomas e o Dereito Comunitario" que durante este martes contará con varios expertos e con Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta.

- 12:17 09/05/2006
Tags:

O ministro de Asuntos Exteriores estonio, Urmas Paet, non ocultou a súa ledicia logo de acadar por maioría absoluta no parlamento a ratificación da Constitución Europea. Segundo Paet, "non hai mellor día para adoptar a Constitución que cando se celebra o Día de Europa". Hai 56 anos que Robert Schuman e Jean Monnet propoñían en París crear unha institución europea supranacional que administrase de forma conxunta as materías primas máis importantes da carreira armamentística. Este acordo marcou o inicio da Europa Comunitaria. Foi no Cumio de Milán 1985 cando os xefes de Estado de Goberno decidiron celebrar o 9 de maio como o Día de Europa, que xunto co euro e a bandeira europea, identifican a entidade política da UE.

Pola súa parte, a Fundación Galicia Europa conmemora esta data coa celebración dunha xornada titulada "As Comunidades Autónomas e o Dereito Comunitario" que conta coa presenza de varios expertos e con Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta. O acto, que comezou ás 09:30 horas no Hostal dos Reis Católicos en Santiago, analiza as diferentes cuestións que suscita a aplicación do Dereito Comunitario polas administracións autonómicas, facendo fincapé no traspaso de competencias. Nesta liña, o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, destacou na inauguración do acto o "impulso modernizador" de Europa sobre a sociedade galega, defendendo a "vixilancia comunitaria" e os "fondos europeos" como xeito de adecuar a comunidade a "estándares esixibles de calquera sociedade madura e adulta"


0/5 (0 votos)