Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACUSAN A EMPRESA DE MANEXAR INFORMACIÓN PRIVILEXIADA

Adega di que o trato de favor a Pescanova en Touriñán "rozou a prevaricación"

Pescanova mercou en 2002 os terreos de Touriñán onde agora quere construír a piscifactoría sabendo que a Lei do Solo de Galiza non permitía esas instalacións dentro de solo rústico de protección de espazos naturais, pero "como ía saber Pescanova que a Lei do Solo ía ser modificada en decembro de 2004 para casualmente habilitar a ubicación de piscifactorías en espazos protexidos do litoral?". Velaí a pregunta que se fan desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, cualificando de "inmoral" que desde os postos de xestión política se beneficiase a persoas con información privilexiada, apuntando directamente ao ex conselleiro de Pesca, Henrique López Veiga, e apoiando a proposta do novo xecutivo galego para que a factoría se constrúa noutro lugar.

- 06:58 09/05/2006
Tags:

Desde Adega consideran que a autorización no seu día para a construción desta piscifactoría foi "un trato de favor" a Pescanova que "roza a prevaricación". En representación do colectivo, Daniel López Vispo e Fins Eirexas acusaron ao anterior goberno do PPdeG de "amañar" a lei de costas para facilitar a instalación desta e doutras factorías en solo protexido e pediron que a fiscalía investigue o acontecido.

"A empresa e a anterior Xunta: o anterior Conselleiro de Pesca, Lopez Veiga é parte interesada na empresa de Pescanova, tiña xestionadas axudas europeas para a instalación das granxas de engorde de rodaballo de Touriñan e de Xove. O negocio estaba servido: axudas europeas, compra de terreos case de balde, engano aos veciños con supostos postos de traballo que non son reais, pois se necesita unha certa especialización e ademáis son menos dos que se nos queren presentar...". Así o denuncia Adela Figueroa, presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, asegurando que veciños de Toruiñán lle venderon as terras a 1 euro/m2 (sobre unha superficie total de 350 mil m2) coa esperanza de teren traballo na planta. "Nós nen sabiamos que isto era Rede Natura", comenta que lle dixo unha das veciñas de Touriñán.

"Eu no me opoño a que unha empresa gañe dividendos e reparta cos seus accionistas. O que é inmoral é que desde os postos de xestión política se beneficien as persoas por información privilexiada, que se destrúan as riquezas naturais dun país para enriquecerse os que xa son ricos dabondo, e que se xogue con os veciños coaccionando e facendo demagoxia cós postos de traballo", denuncia Figueroa. Desde a asociación ecoloxistas animan a Pescanova a que estude as alternativas propostas polo executivo lembrándolle á empresa que existen outras posibilidades e que a piscifactoría pode ser despregada "sen chantaxear nin á Xunta nin aos galegos".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: